Siareir@s: As tropas de Breogán que pulan pola 'Irmandiña' e por Galiza

O equipo de Galiza que este sábado xoga en Pontevedra coa selección de Curdistán non está só. Centos de siareir@s estarán presentes para apoiar a moito máis que un equipo. Desde Ribadeo até Verín, de Navia a Fisterra, o azul e branco ten cita na cidade do Lérez ao berro que nos une: "Unha nación, unha selección"
siareiros

"Non me perdín ningún dos partidos da selección galega. Gosto do fútbol, pero gosto máis de Galiza". Anxo, rianxeiro de 32 anos, vai estar en Pontevedra este sábado, no partido contra Curdistán. Non vai ser o único. Desde Bares até Tui, e de Navia até Fisterra, centos de siareir@s acoden  á cidade do Lerez a apoiar, máis unha vez, á Irmandiña. Que a Xunta decidise (nunha decisión política) guillotinar unha selección galega non os bota atrás, Todo o contrario. Davide é da Coruña, "De perto do barrio das Flores, pono ben clariño para que se saiba", apunta. Fan "a morte" do Depor. Animadversario do Celta. Mais, apunta, "se metemos un gol (pola selección galega), abrazo para celebralo até a Iago Aspas se está ao meu carón".

Un siareiro do Depor recoñece que se a 'Irmandiña' mete un gol "até abrazo a Iago Aspas se o teño ao meu carón"

Manuel é da Illa de Arousa, un territorio celtista por excelencia. A peña de afeccionados celestes Carcamáns ten centos de soci@s nun concello que non chega aos 5.000 habitantes. "O selta... diríache que é unha relixión senón fose que son ateo" (risos). Vai estar en Pontevedra, apoiando á 'Irmandiña' e apunta que "tanto ten Celta, Depor, Compos, Pontevedra ou o que sexa... somos tod@s galeg@s e debemos estar aí, que se note".

"Isto é moito máis que 11 xogando contra 11 nun campo"

Desde Lugo tamén van estar presentes en Pontevedra. Unha delas é Sonia: "O programa é moi interesante. Non é só fútbol. Hai xogos tradicionais galegos, un xantar, concertos...e o partido claro, pero é moito máis que once tipos contra outros once. Temos que estar para defender que somos un pobo, non?".

"Hoxe tanto ten Celta, Depor, Pontevedra, Compos ou o que sexa... somos tod@s galeg@s e debemos estar aí, que se note".

E desde Verín falamos con Xosé. "Eu son máis de baloncesto que de fútbol. A min o que me gusta é ver ao Obradoiro", salienta este estudante de Historia. Mais vai estar en Pontevedra, "como non", pois entende que "non hai sentido nin xustificación para negar que Galiza teña seleccións de seu que a representen". A súa compañeira María engade, "paso de política, moito. Mais creo que Galiza debería ter seleccións para xogar ao que quixer, como Escocia ou outros".

Comentarios