Galiza-Curdistán, moito máis que un partido de fútbol

A poucas horas de se celebrar en Pontevedra o partido amistoso Galiza-Curdistán en Siareir@s Galeg@s están a pechar os últimos preparativos dunha xornada festiva e reivindicativa que organizan sob o lema:“Duas naçons, um objectivo: oficialidade!”

Encontro fútbol Galiza-Kurdistán
photo_camera Encontro fútbol Galiza-Kurdistán

Unha selección oficial do Curdistán chegará a Pontevedra para participar no amistoso coa selección galega. Estará composta por xogadores que partillan de equipas que xogan na Holanda, na Francia, Dinamarca ou na Alemaña, todas elas ligas europeas dadas as dificultades de traslado de xogadores do Curdistán. A selección curda atoparase cun combinado composto por seis xogadoras da liga nacional feminina e xogadores de 2ª B e 3ª división. Adestradora do equipo galego será Pilar Neira e o capitán o xogador Roberto Piñeiro. 

O encontro internacional terá lugar en Pontevedra o sábado 29 ás 21 horas e virá precedido dunha xornada que comezará cun xantar popular, música e deportes tradicionais (13:30 horas). Continuará cunha manifestación desde a Praza da Ferrería (19 horas) até o Campo de Fútbol da Xunqueira, na zona universitaria, onde haberá unha demostración de fútbol gaélico (20 horas) e a homenaxe ás deportistas galegas (20:50 horas). 

O partido amistoso Galiza-Curdistán (21 horas) será o remate da xornada deportiva. Despois virá a música no recinto feiral (23:30 horas), coas actuacións dos grupos Rebeliom do Inframundo, Arenga, Falperrys e Berri Txarrak.

"Oficialidade"

Siareir@s Galeg@s queren con este partido reivindicar “a total oficialidade das nossas selecçons desportivas, em pé de igualdade com a de qualquer outro país do mundo”.

Á escolla da selección do Curdistán responde á seren, segundo din Siareir@s: “umha naçom também negada e que sofre diariamente a repressom de quatro estados diferentes, nomeadamente do turco. Com este rival, desde Siareir@s Galeg@s queremos dar-lhe voz ao povo curdo e estreitar os laços de irmandade entre os nossos países”.

Un pouquiño de historia

Galiza conta, desde 1995, cun grupo de persoas decididas a reivindicaren o dereito que teñen outras nacións do mundo, mesmo sen teren estado, a participaren do deporte con liberdade. Siareir@s galeg@s nace ese mesmo ano coincidindo coa posta en común deste desexo por parte dos grupos de apoio ás equipas máis importantes do noso país: Celta de Vigo, Deportivo da Coruña, SD Compostela, o CD Lugo e o Ourense. Por esas datas reúnense Celtarras, Fendetestas, Compostolos, Radikais Vermelhos, Muralha Norte e os daquela acabados de crear Grei Gentalha.

Neses primeiros anos sucédense as actividades reivindicativas que contaron co apoio, entre outros, da Revista Bravú, creada por Xurxo Souto. Eran os tempos en que a música era quen de ir contra o mundo. As equipas galegas tiñan bos resultados, o celta quedou segundo na Copa de España en 1994 e o Deportivo campión da Copa do Rei e da Supercopa, e animaba a posibilidade de dispor dunha selección propia como Euskadi e Catalunya.

En 1997 celébrase na Estrada un partido, e posterior concerto, entre profesionais do mundo da cultura e a comunicación. Dese día quedan as imaxes de “xogadores” como Alfonso Eiré, Antón Reixa, Xosé Cid Cabido, Xosé Manuel Pereiro, Moncho Viña, Manuel Rivas, Rómulo Sanjurjo, Xurxo Souto ou Paco Lodeiro. A revista Bravú sacaba un especial acompañado dun álbum musical co nome de Selección Xa! Contaron coa participaron dos xogadores Fran, Xosé Ramón e Nacho, que despois foron vítimas dos ataques da prensa deportiva de Madrid. O cansazo e os atrancos ao proxecto fan que o decidido apoio ao deporte galego de Siareir@s Galeg@s quede en silencio por uns anos.

Catro anos de normalidade
En 2005, coa chegada ao goberno galego do BNG e o apoio explícito a termos seleccións nacionais, reactívase cunha asemblea de Siareir@s Galeg@s á cal asisten colectivos, asociacións e outros sectores da vida social galega. A transición democrática no noso deporte chega setenta anos despois e normalízanse os partidos como acontecía desde hai tempo noutras nacións como Euskadi e Catalunya.

Galiza xoga contra Uruguai en Compostela (3-2), Ecuador na Coruña (1-1), Camerún en Vigo (1-1) e Irán na Coruña (3-2). Tamén en 2007 a selección feminina comeza a súa andaina de amistosos cun primeiro encontro contra Catalunya. En 2009 a historia dálle as costas á nosa selección e a vitoria nas eleccións do PP tenta eliminar outra vez os partidos da "Irmandiña".

Siareir@s Galeg@s segue
Desde 2009 Siareir@s Galeg@s organiza todos os encontros da selección ademais de promocionar as seleccións doutros deportes, mesmo os tradicionais, como a billarda. "Falamos cos clubs, xogador@s, embaixadas e hai moitos atrancos", recoñece Xosé Viana, un dos seus membros. Galiza xogou estes últimos anos contra un combinado de Paraguai en Compostela(9-0), contra Palestina en Ourense (6-3) e contra equipo da República Árabe Saharauí Democrática en Teo. Nesta última etapa os partidos son mixtos e loitan contra os impedimentos da federación, institucións municipais e provinciais e do goberno galego. "Hai xogador@s que chaman para participar e logo os clubs prohíbenlles asistir". Este ano Kurdistán é un reto. "É unha selección oficial dunha nación ocupada e hai que conseguir visados para que viaxen...".

Manteñen contactos con ESAIT e a Plataforma pro seleccións catalás, entidades cos mesmos obxectivos nos seus respectivos países, e apostan por deportes en que poidan xogar a nivel internacional, como é o caso do fútbol gaélico. "Haberá unha liga e unha copa propias en pouco tempo". Saben que loitan contra entidades privadas como a propia FIFA "que admiten a quen queren" e contra as federacións galega e española.

Comentarios