Adega convoca unha limpeza “expansiva” de praias

O pasado ano retiraron tres toneladas e media de lixo nunha acción na que participaron 700 persoas e, desta volta, Adega volve convocar unha limpeza simultánea de praias no Día Mundial dos Océanos. 

Limpeza de praias
photo_camera Limpeza de praias

Para conmemorar o próximo 8 de xuño o Día Mundial dos Océanos, Adega convoca a entidades e particulares a unha nova acción contra a contaminación mariña. Tratarase dunha acción de limpeza colectiva e simultánea para a que fan un chamamento a centros de ensino, escolas e clubes de deportes relacionados co mar, asociacións e grupos de persoa a título particular que participen nesta iniciativa que busca tamén denunciar a situación das praias e contribuír a unha mellor educación ambiental. 

“A xestión dos residuos que producimos en Galicia non é axeitada, o noso lixo remata en vertedoiros ou incinerado, e outra grande parte de aquel material que xa non consideramos útil vai parar ao mar” valoran en Adega, asociación ecoloxista que manexa o dato de 7 toneladas de plástico que cada ano remata nos océanos, procedente nunha elevada porcentaxe do interior. 

Unha acción para educar

Os residuos son tamén, segundo lembran, un grave perigo para a fauna mariña que enredan en cordas ou bolsas ou mesmo inxiren plásticos que lle poden producir a morte. A cadea alimentaria, pode volver traer o plástico ás nosas casas, cando, reducido a pequenas cantidades é inxerido polos peixes que logo comemos. 

Como experiencia de educación ambiental, no que se promociona a reciclaxe fronte á produción incontrolada de desperdicios, Adega convida a partillar desta nova acción que está concibida para contribuír a un cambio na conciencia ambiental. A asociación editou tamén un manual de limpeza na que indica a necesidade de retirar os residuos a man, respectando os ecosistemas dinares e tendo conta da flora e fauna que habita nas praias. 

Comentarios