A Aula Castelao reivindica a memoria na XXX edición da Semana de Filosofía

A cita anual co pensamento crítico en Pontevedra chega a súa XXX edición cunha reivindicación da memoria contra o esquecemento. A Aula Castelao de Filosofía bota a andar a XXX edición da Semana Galega de Filosofía cun debate sobre a urxencia da memoria contra o esquecemento. José Barata Moura, Miren Etxezarreta, Bruno Groppo, Manuel Cruz, Aurora Marco, Camilo Nogueira, Ramón Regueira, Manuel Rivas, Manuela Carmena ou Paula Godinho son algunhas das persoas participantes. O semanario Sermos Galiza dedicaralle o A Fondo do próximo número. 

Semana Galega de Filosofía
photo_camera Semana Galega de Filosofía

Comeza a trinta edición da Semana Galega de Filosofía este luns día 1 de abril e inaugúranse cinco días de intensos debates e reflexións que levaron a Aula Castelao de Filosofía a consolidar a través dos anos o seu congreso como o máis importante foro de encontro co pensamento crítico que chega xa as tres décadas de existencia. Constituída en 1983, a Aula Castelao botaba a andar alentada por un grupo de profesores de filosofía de ensino medio que tiñan a vontade non só de contribuír á renovación pedagóxica do ensino da filosofía senón á normalización lingüística e á fomentar a "dimensión crítica e transformadora" da filosofía á  hora de pensar os problemas do noso tempo. Naceron así as Semanas Galegas de Filosofía que, a través dos anos, converteron a Pontevedra na capital do pensamento e en cidade de referencia a nivel internacional de encontro intelectual arredor de temas de actualidade.

En Pontevedra pensouse o futuro de Latinoamérica, o presente do pensamento ecolóxico, o concepto de nación desde nós, o xénero coas máis novas apostas do feminismo, a normalización lingüística, a globalización e o papel da cidadanía... e tantos temas que traspasaron o marco da Semana de Filosofia para partillaren do debate social que urxía en cada momento. Da man da Aula Castelao de Filosofía revisouse a historia do pensamento galego, nun traballo que deu pé á publicación dun volume no que se recollía a traxectoria intelectual de figuras como Xoán Vicente Viqueira, Amor Ruibal, Indalecio Armesto, Ricardo Mella ou o propio Castelao e no que vían a luz algúns nomes até entón esquecidos. 

Filosofía con portas abertas

Polo congreso da Aula Castelao de Ffilosofía pasaron nestas trinta edicións centos de persoas que toman parte no devir actual da filosofía e o pensamento, vindas dos cinco continentes e que participaron encontro intelectual que durante os cinco días ten lugar nunha Pontevedra que vive con intensidade o desenvolvemento do congreso.  

Acontecemento singular non só pola súa dimensión senón tamén polo alcance, a súa xa longa historia e polo público que en cada edición asiste e participa nos debates. Desde o inicio, a Aula Castelao organizou os seus encontros en tres sesións ao longo do día, a da mañá, cun carácter máis teórico e filosófico, a da tarde, centrada na realidade galega e a da noite, con vontade divulgativa na que, a cotío, o auditorio no que tiña lugar quedaba pequeno para albergar ao público que quería asistir aos relatorios e os debates. Desta volta, a Semana de Filosofía trasladou a súa sede ao Teatro Principal de Pontevedra, xa que Nova CaixaGalicia Banco reclamaba 7.000 euros polo uso do auditorio que ate agora acollía ao máis relevante congreso anual do país que sobrevive grazas, fundamentalmente, ao apoio do Concello de Pontevedra. 

Desta volta, a trinta edición da Semana Galega de Filosofía achéganos a pensar a memoria como resposta contra o esquecemento da historia. José Barata Moura, Miren Etxezarreta, Bruno Groppo, Manuel Cruz, Camilo Nogueira, Aurora Marco, Ramón Regueira, Manuel Rivas, Manuela Carmena e Paula Godinho, entre outras persoas compoñen un programa que se clausurará cunha homenaxe ás vítimas da represión franquista.O semanario Sermos Galiza publicará no seu próximo número un especial A Fondo dedicado aos trinta anos da Aula Castelao de Filosofía, con artigos sobre a actualidade do pensamento e a dimensión do debate, o significado e alcance da traxectoria das Semanas alén de entrevistas co seu primeiro presidente, Ramón Regueira e co actual, Carlos Calviño. 

Comentarios