2014 en 11 capas de Sermos Galiza

2014 está a piques de ser historia. Non pretendemos aquí facer nen sequer unha apertada síntese da vertixe dun ano ateigado de acontecimentos relevantes, tan só dar pinceladas impresionistas do que nos legan estes doce meses que chegan á súa fin. 

resume_do_ano_1 (2)

O 9 de Xaneiro de 2014 titulamos na capa do número 79 de Sermos Galiza, a primeira entrega do novo ano, cun expresivo: "2014, o ano das nacións". Foino. O ano en que o dereito a decidir -eufemismo que designa o dereito de autodeterminación- centrou a axenda política, non só no Estado español, senón no mesmo corazón dunha das primeiras potencias imperialistas, o Reino Unido. Exerceu o seu dereito a decidir Escocia e, contra a legalidade española, tamén o fixo o pobo catalán, nun proceso, o soberanista, que é chave para interpretarmos o que está a pasar no Estado.

"Cinco anos perdidos", titulamos na capa do número 86, un balanzo necesario do goberno Feijóo, goberno de recortes sociais e tamén de recortes nas liberdades: "Cargas contra a democracia" (número 88), co Parlamento secuestrado.

Chegou Maio e as urnas decidiron. O PP experimentou un retroceso eleitoral histórico na Galiza, sinal de que se desmorona o réxime, e o nacionalismo, o BNG, mantivo a representación no Parlamento de Bruxelas.

2014 foi outro mal ano para a lingua galega. Así titulamos na capa do noso número 103: "O galego, estranxeiro nas nosas aulas": 2014 non foi o ano para facer xustiza ás vítimas de Angrois: o Estado continúa sen asumir as súas responsabilidades, como enfatizamos na capa do número 105.

En Xullo o nacionalismo puxo a soberanía no horizonte e así o reflectimos na capa do número 106. A do número 112 foi un berro: "Paremos o terror machista". Un terrorismo que non cesa e ao que o poder político -espello do patriarcado- apenas empresta atención.

A foto que outros non publicaron -a do conseguidor e a cúpula do PP- foi a da capa do noso número 120: no que desvendamos a impostura de quen, presentándose como adaíl da rexeneración, é incapaz de acudir ao Parlamento para explicar a súa relación cunha figura clave nunha trama corrupta.

A capa do número 122 fecha o círculo: deciden os pobos -neste caso Catalunya- fronte ao enroque autoritario dos que teñen saudades doutros tempos, os que continúan no búnker.

Espigamos estas capas, poderían ter sido outras, en todo caso Sermos Galiza, o único semanario en lingua galega presente nos quiosques, durante estes doce meses, tomou o pulso ao país e ao mundo desde chaves galegas, alternativas e independentes. O futuro comeza mañá e aquí estaremos, modestamente, para contárvolo, coa vontade de pescudar aquilo que o poder quixese ter sempre oculto, e coa arela de que cada día a Comunidade Sermos vaia a máis.

Nota: Por suposto, tendes todos estes números, e a colección completa, ao voso dispor na nosa loxa.

Comentarios