Cadeiras baleiras na sesión dun Parlamento en mans do PP

A sesión plenaria que se desenvolveu esta terza feira contou coas cadeiras baleiras d@s deputad@s do BNG, AGE e PSdeG que rexeitaron desta maneira o veto imposto pola presidenta da Cámara á cidadanía. Pilar Rojo acusa ao conxunto da oposición de atentar contra o Parlamento. O PP abre unha crise institucional gravísima -e de consecuencias imprevisíbeis- ao bloquear o acceso ao Parlamento. Esta é unha crónica dunha sesión parlamentar que rexistrou unha tensión sen precedentes na historia desta institución.

(19.25) Dáse por rematada unha das sesións máis convulsas dos últimos anos. Os grupos da oposición --que amosaron o seu rexeitamento frontal ao veto imposto pola presidenta á cidadanía-- viron caer todas as emendas presentas aos Orzamentos para 2013. O PP impuxo a súa maioría absoluta para non tomar en consideración as propostas achegadas por BNG, AGE e PSdeG. Pilar Rojo, que se ausentou en máis dunha ocasión da sesión, asegurou en comparecencia de imprensa pola mañá que se "adoptarán medidas" contra os grupos políticos por teren permitido a entrada de traballadores do naval e da Universidade á Cámara. Para comezar, dixo, "hoxe non cobrarán". Segundo informaron fontes dos partidos da oposición, a ausencia d@s deputad@s podería manterse se o PP non recúa na súa decisión, moi cuestionábel desde unha perspectiva netamente democrática. 

(19,22) Vótanse as emendas presentadas pola oposición. @s 41 deputad@s do PP rexeitan as propostas de BNG, AGE e PSdeG cuxas portavocías votan en conxunto a favor. 

(19.10) Os recortes en servizos públicos centran a réplica dos grupos da oposición. 

(19.00) O presidente da Cámara (perante a ausencia de Pilar Rojo), Miguel Santalices ironiza co nomeamento por parte da deputada de AGE dunha marca de medicamento e di "agora empréganse xenéricos". Yolanda Díaz acusa ao PP de "pisar aos de abaixo" e denuncia os recortes en cooperación e desenvolvemento recollidos nos Orzamentos. "Eses ninguén que valen menos que a bala que os mata", parafrasea Díaz a Galeano. 

(18.55) Após a intervención da voceira popular, o deputado nacionalista asegura que o PP e a Xunta "manipulan as cifras" en función dos seus intereses. 

(18.42) A voceira popular, Marta Rodríguez Arias asegura que os Orzamentos presentados son "as contas máis sociais da historia" e que a sociedade galega "o sabe ben" pois o goberno da Xunta "vén de se examinar antes de onte, coma quen di". 

(18.37) Finaliza a intervención de Elena Muñoz. Toma a palabra Marta Rogríguez Arias en nome do grupo non emendante, grupo popular. Rodríguez Arias bate contra a oposición asegurante que "os deputados están secuestrados na cafetería do Parlamento". 

(18.31) "Moitas entidades financeiras confían en nós", asevera Muñoz retrucando a intervención de Abel Losada. A conselleira gábase de ter colocado máis de 1000 millóns de euros en "catro días hábiles" o que, aseguran fontes do executivo galego, evitaría "solicitar o rescate" alomenos en 2013. 

(18.24) Elena Muñoz rexeita as propostas achegadas polos grupos da oposición de igual maneira que o grupo popular rexeitou as emendas á totalidade presentadas por BNG, AGE e PSdeG esta mañá aplicando a súa maioría absoluta. 

(18.15) Intervén a conselleira de Facenda, Elena Múñoz quen acusa a BNG e PSdeG de ter "incrementado os concertos na sanidade pública" asegurando que a privatización de servizos como o material ortoprotésico procuran "mellorar a sanidade". 

(18.00) O voceiro do PSdeG denunica que a distribución da renda "completamente desigual" promovida desde o PP, grava máis "a quen menos ten". Losada asegura que en troca da "suba de taxas" defendida polo Partido Popular, a Xunta de Galiza debería "incrementar os impostos ás rendas máis altas". 

(17.50) O voceiro parlamentar do PSdeG intervén no Pleno após a interpelación da deputada de AGE, Yolanda Díaz. Amb@s @s dúas baten contra a xestión económica da Xunta de Galiza. Abel Losada, asegura que Núñez Feijóo pasou de ser "un tigre de Bengala" a un "gato de Angora" logo das eleccións ao Goberno español e considera que as políticas da Xunta "poñen en risco o Estado do Benestar". 

(17.20) “A vostedes non lles convén o debate público destas contas porque teiman en políticas fracasadas" espeta o nacionalista quen critica con dureza a subordinación "dos intereses de Galiza aos dictados do Estado e da UE"

(17.10) O voceiro do BNG, Carlos Aymerich asegura que o PP "actúa con nocturnidade e alevosía" porque ten "algo que agochar". O nacionalista denunica que o PP queira gobernar "de costas á xente" en referencia á imposibilidade de que a cidadanía acceda ao Parlamento. 

(17.05) Reanúdase a sesión parlamentar no Hórreo coas ausencias d@s deputad@s da oposición en repulsa ao veto imposto por Pilar Rojo. En nome de AGE, BNG e PSdeG interveñen, respectivamente, Yolanda Díaz, Carlos Aymerich e Abel Losada. 

(15.05) A socialista Marisol Soneira revela que o Parlamento prohíbe a entrada de dúas persoas ás instalacións do Grupo Parlamentario do PSOE. A sesión reanudarase ás 17h, coa comparecencia d@s president@s das distintas comisións

(15.01) Remata a intervención da conselleira. Vótanse as emendas dos grupos. A oposición vota en conxunto en prol da devolución dos Orzamentos, mais as tres saen rexeitadas pola maioría absoluta do PP: 3 votos a favor fronte a 41 en contra

(14.56) Muñoz asegura que o PP "non está só" senón que fica "arroupado polos galegos" que lle concederon "a maioría absoluta". Di que os Orzamentos "miran ao futuro" e cumpren coa "normativa á que está obrigado este País". Aliás, acrecenta queson "o primeiro chanzo cara ao crecemento". Retrunca na idea de que "Galiza está mellor que as outras comunidades autónomas" e asegura que os indicadores "así o demostran"

(14.46) Remata a comparecencia do voceiro do PSOE. Quenda de peche para a titular de Facenda, Elena Muñoz. Teima no cumprimeito do obxectivo de déficit como liña mestra das contas para 2013: "temos que pagar o que debemos"

(14.33) AGE subliña que "se algo queda hoxe claro" é que "a presidenta do Parlamento non reúne as condicións mínimas para exercer o seu cargo". No pleno da Cámara, Vázquez quere saber se o PP transladaría "este mesmo discurso aos gandeiros, traballadores do naval ou nos comedores sociais deste País"

(14.29) Arias retrúcalle a Beiras en castelán. Asegura que Amancio Ortega sabe máis que moitos economistas e di sentirse moi orgulloso "dos meus amigos populares". O deputado por Lugo Jaime Castiñeiras dálle unha aperta. Quenda de réplica para o PSOE. Fala Pachi Vázquez

(14.28) Beiras manifesta a súa "indignación" ao ter que escoitar "intervencións como a de Puy". Asegura que aínda se lembra da vez que un deputado do PP, "presente na Cámara" (en referencia a Pedro Arias) foi á súa casa pedirlle que lle aprobara a materia da que lle impartía aulas

(14.22) O voceiro de AGE dille a Pedro Puy que fale "con rigor". Lémbralle que é "profesor de economía" e retruca a súa intervención. Di que os Orzamentos "obedecen un amo para saquear as condicións de vida da xente do común"

(14.19) Jorquera asegura que por cuestións familiares puido comprobar "a blindaxe dos servizos publicos" cando a súa filla agardou "48h por unha cama en urxencias" estando, dixo, "moi enferma". O voceiro do BNG remata a súa quenda de réplica. Comeza a de Beiras

(14.17) AGE valora na súa conta do Twitter a intervención que fixo a conselleira de Facenda, Elena Muñoz: "fala como unha contábel e non como unha política cuxas decisións causan sufrimento á xente do común"

(14.14) "Vostedes xogan a marear cos datos" mais di, "falan por si propios e demostran que xeraron máis débeda que todos os gobernos anteriores". Francisco Jorquera critica "as políticas que fan da austeridade" o seu mantra "priorizando o pagamento do déficit" aos intereses do pobo

(14.12) Jorquera: "A crise foi o froito dun modelo económico de casino". O voceiro do BNG di que todos os indicadores demostran que as políticas desenvolvidas polo PP desde a Xunta e desde Madrid están "a agravar a crise" e son empregadas como "escusa" para crear "unha importante fenda social", enriquecendo a unha minoría en detrimento das maiorías sociais. Sostén o nacionalista que "están empregando a crise de pretexto para recruceder os trazos máis duros deste sistema"

(14.09) Tres sindicalistas da CIG presentan un escrito queixándose perante Pilar Rojo por terlles denegado o acceso á Cámara. Non descartan recurrir ao Valedor do Pobo

(14.05) Pedro Puy (PP) acusa á oposición de rebentar o pleno do Parlamento. Non di ren do veto imposto por Rojo. "Algúns atopan divertido violentar as institucións", dixo, mencionando que Robespiere acabou na guillotina. "A revolución devora os seus propios fillos", sinalou o conservador. Rematada a súa quenda de palabra, arrincan as réplicas. Ten a palabra Francisco Jorquera

(13.54) Deputad@s do PSOE reuníronse con representantes do comité de empresa de Navantia no local do Hórreo namentres @s de AGE e BNG se manifestaron fóra, co resto de traballadores do naval e empregad@s da universidade. Estaban convidad@s ao pleno polos tres grupos da oposición e conseguiron acceder, mais foron expulsados

(13.49) O grupo parlamentar do BNG informa nun comunicado de imprensa que se declarará "insubmiso ao secuestro" do Parlamento, e acusa a Pilar Rojo de "criminalizar" os colectivos máis afectados pola crise e polas políticas antisociais do PP. Noutro comunicado, o PSOE rexeita a "blindaxe unilateral" imposta sobre a Cámara, que cualifican de "inédita na historia: nin sequera se adoptou cando o grupo do PP trouxo 200 alcaldes para invadir o Parlamento, enfrontándose ás forzas de seguridade"

(13.37) Rematou a comparecencia do PSOE, aplaudida tamén polos voceiros de AGE e BNG. Quenda para a conselleira de Facenda, Elena Muñoz, quen di na súa intervención que "non permitiremos que desde Madrid nos digan o que temos ou non temos que facer"

(13.08) O PSOE pide unha reforma fiscal para aumentar os ingresos da Xunta. Vázquez apela "á cordura" de Pilar Rojo e a que no PP "superen a súa ansiedade" e fagan da Cámara "a casa do debate e da palabra" abrindo as portas á cidadanía. Empraza a Feijóo a pactar "un plan de emprego xuvenil"

(13.01) "Son os orzamentos máis antisociais e inxustos", unhas contas que abandonan os sectores produtivos e dan as costas "aos máis febles". Continúa a comparecencia do voceiro do PSOE. A presidenta da Cámara, Pilar Rojo, reincorpórase á sesión plenaria

(12.57) Vázquez ao PP: "Vostedes fan coma Poncio Pilato. Veñen a se lavar as mans e a dicir que o único que toca é prolongar unha agonía que nos leva a un abismo que non rematá pechando as portas do Parlamento"

(12.53) Tamén Pachi Vázquez se revolve contra os límites impostos por Pilar Rojo no acceso ao Parlamento. Pide ao PP que non confunda unha vitoria nas eleccións coa aplicación de políticas "de maneira autoritaria"

(12.49) Arrinca a intervención do representante do PSOE. Pachi Vázquez empraza á conselleira de Facenda a "saír á rúa" e ver que o País está a piques "do abismo social": "Vaia a Navantia, conselleira", recoméndalle

(12.44) Beiras e o presidente da Cámara, Miguel Santalices (Pilar Rojo ausentouse do debate) enzárzanse nun debate. "Como bo demócrata, a maneira de sacar fóra a Feijóo é cos votos e non con tanques ou con tractores" di Santalices; "A represión non resolve os problemas", replica Beiras

(12.43) Só Jorquera aplaude as palabras do seu homólogo en AGE. Quenda agora para Pachi Vázquez

(12.40) Beiras conclúe a súa intervención sinalando que as decisións da Xunta supoñen a "volitización da autonomía política e financeira" de Galiza. Acrecenta que se rebela "quen ten dignidade" malia que "a dignidade de vostedes" está di "nun caparazón", referíndose a deputad@s do PP. Define os orzamentos como "un onanismo impúdico do seu narcisismo"

(12.37) A rúa do Hórreo, onde se ubica o edificio do Parlamento, leva boa parte da mañá cortada ao tráfico. A mesma rúa dá acceso á céntrica praza de Galiza e á estación dos comboios

(12.32) Un policía diríxese a unha deputada do BNG namentres lle impide a entrada no Parlamento: "Ni tengo que conocer a los diputados, ni tengo que saber gallego. Punto filipino"

(12.25) O portavoz de AGE asegura que moita da cidadanía á que "pretenden intimidar desde as institucións" xa loitou unha vez contra o fascismo. "A historia non se repite" mais "xa llo dixen unha vez, vai saír por patas sr Feijóo, os tractores entratán en San Caetano, non son armas mais a ver quen lles fai frente"

(12.22) Beiras apela á Conferencia da UNCTAD (das Nacións Unidas sobre Comercio e Desenvolvemento) para acusar ás políticas do PP de "fracasadas"

(12.17) O BNG informa nun comunicado enviado á imprensa de que presentará unha queixa perante a Mesa do Parlamento "por abuso da autoridade" da policía española. Axentes requeríronlles a documentación e impediron a entrada d@s deputad@s Ana Pontón, Carme Adán, Tereixa Paz e Cosme Pombo após participaren na manifestación d@s traballador@s de Navantia e da Universidade, que realizaron fóra da Cámara

(12.15) Beiras: "Vou tentar non facer nada que poida ser empregado como obxecto de demagoxia". Di que centrará a súa intervención no debate sobre os Orzamentos

(12.11) Jorquera denuncia "tempos de secuestro da democracia". Beiras e Vázquez aplauden a súa intervención en que carga contra "a escolla ideolóxica e de clase" que supoñen as políticas do PP e o "pacto coa banca". Di o voceiro do BNG que "estes orzamentos e o conxunto das súas políticas representan un homicidio económico para Galiza". De seguido falará o voceiro de AGE

(12.02) Nas bancadas da oposición continúan unicamente Pachi Vázquez, Xosé Manuel Beiras e Francisco Jorquera

(11.58) Reanudada a sesión plenaria, arestora o BNG defende a súa emenda á totalidade dos Orzamentos da Xunta. Di Jorquera que as políticas do PP "reflicten o fanatismo neoliberal"

(11.37) Comparece Pilar Rojo. Fala de "grave atentado contra unha institución do Estado" e "reafirma" o veto. Culpa á oposición das protestas. A deputada do BNG Tareixa Paz e outr@s dúas deputad@s conseguen, finalmente, acceder ao Parlamento. Impedíallelo a policía

(11.15) O hastag #Parlamento, trending topic (TT) na rede social Twitter

(11.09) A emisión en directo do pleno do Parlamento, censurada. Na ligazón só aparece unha pantalla en negro coa imaxe corporativa da Cámara

(11.00) Volve suspender o pleno. Por 30' e coa advertencia de que "agora si" avisará as deputad@s para que poidan incorporarse se o desexaren. Namentres, a policía impide a entrada a tres deputad@s do BNG. Di o axente que non os coñece

(10.55) A presidenta reanuda o pleno, mais faino sen aviso previo e sen dar conta á oposición. Podería estar a incumprir o regulamento da Cámara. Incorpóranse os voceiros de PSOE e AGE

(10.52) Berros en defensa dos postos de traballo e cartaces de Navantia, solución. Empregad@s da universidade tamén se manifestan na Cámara: Esta é a democracia do PP! Rojo suspende o pleno até novo aviso

(10.48) Un dos traballadores, vestido cunha camisola en prol da construción desta infraestrutura e co lema Dique si foi obrigado a quitala. Entrou acompañado da deputada de AGE Yolanda Díaz, quen optou por vestir ela a camisola. Fóra, co resto de operarios de Navantia, maniféstanse @s deputad@s do BNG

(10.29) Malia os límites impostos, os grupos parlamentarios da oposición tiñan xestionado xa o convite para os traballadores do naval, nomeadamente aqueles que fan parte do comité de empresa de Navantia, xusto o día despois de que se anunciase que non se construirá o dique flotante. Os operarios conseguiron acceder finalmente a ela.

(10.00) Arrinca o pleno do Parlamento. A oposición érguese en bloque. Nas bancadas quedan só os voceiros de PSOE, BNG e AGE 


Á primeira hora da mañá... 

A decisión da presidencia do Parlamento de impedir a visita de cidadás e cidadáns ao Pleno do Parlamento desatou a reacción unitaria do conxunto da oposición. Non só houbo na segunda feira unha conferencia de imprensa conxunta dos seus tres portavoces, mas tamén acordaron un plantón no pleno extraordinario convocado para esta terza feira se Pilar Rojo non recúa no veto e na teima de xestionar ela propia quen pode presenciar as sesións da Cámara, retirando desta maneira unha potestade que viñan exercendo os grupos parlamentares.

A primeira na fronte: esta terza feira o PP leva ao Parlamento a súa proposta de Orzamentos para o 2013, para sometela ao debate. Leva tamén a iniciativa en prol dunha condena institucional "contra o terrorismo en xeral e contra Resistencia Galega en particular". Porén, nas bancadas da oposición sentan unicamente os tres voceiros. O partido do goberno, pola súa banda, está "totalmente de acordo" co veto.

A imaxe dos tres voceiros da oposición, Francisco Jorquera (BNG), Xosé Manuel Beiras (AGE) e Abel Losada (PSOE) nunha rolda de imprensa conxunta e defendendo unha postura común contra o "autoritarismo" da presidenta do Parlamento non se vira nunca até o de agora. "Somos como un tripartito en minoría, mais con agallas" ironizou Beiras aproveitando a comparecencia conxunta. O rexeitamento das tres forzas contra a imposición de Rojo foi taxativo, e valorárona como "un estado de sitio", "un secuestro" ou "un castelo kafkiano", recordando a PP que a Cámara galega "non é da súa propiedade".

Comentarios