Estado de sitio no Hórreo

A oposición denuncia o 'Estado de sitio' nunha Cámara en que a metade das bancadas estiveron baleiras e da que a cidadanía foi expulsada.
Pilar Rojo, presidenta da Cámara
photo_camera Pilar Rojo, presidenta da Cámara

Ringleiras de axentes da policía española e valos que impedían o acceso ao Pazo do Hórreo --mesmo a deputad@s como a nacionalista Tareixa Paz-- deron comezo ás sesións plenarias en que se debaterán os Orzamentos para 2013. Coma se se tratase dun castelo tomado, foi complexo mesmo para a prensa acreditada acceder á Cámara --pois tivemos que presentar as nosas credenciais até en dúas ocasións amais das habituais.

O primeiro Pleno de debate dos Orzamentos 2013 en que a conselleira da Facenda, Elena Muñoz, interviña para dar conta da súa proposta orzamentaria para o presente exercicio non focou a atención nas verbas da representante do executivo galego, senón na actitude mantida desde as filas do Partido popular.

Pilar Rojo asegurou nestes días que a súa orde procuraba evitar "espectáculos lamentábeis"

O veto imposto pola presidenta da Cámara á cidadanía converteu a sesión plenaria desenvolvida esta terza feira nun verdadeiro campo de batalla. Os grupos da oposición --BNG, AGE e PSdeG-- amosaron coa súa saída do hemiciclo o rexeitamento á privación de entrada que Pilar Rojo impuxo á cidadanía. Após a sinatura dunha orde, a presidenta do Parlamento impediu que os grupos parlamentares puidesen convidar á cidadanía, porén, o propio regulamento da Cámara fixa como públicos os Plenos convertendo a decisión de Rojo nun caso sen precedentes e de dubidosa natureza democrática. Á presidenta parlamentar non lle tremía a voz ao asegurar en declaracións aos medios de comunicación que a súa vontade era "evitar espectáculos lamentábeis" como as manifestacións desenvolvidas durante as primeiras sesións da lexislatura. E, nomeadamente, a protagonizada por afectad@s pola fraude das preferentes.

Malia a todo, os grupos políticos que compoñen a Cámara galega continúan a gozar do dereito de convidar ás cidadás e cidadáns aos estabelecementos cos que contan no Hórreo. BNG, AGE e PSdeG, aproveitaron a tanxente para permitiren o acceso de traballadoras e traballadores do naval e da Universidade na sala de plenos. Os apupos e as consignas denunciando os incumprimentos do PP a respecto da construción do dique flotante en Ferrol, así como dos recortes implementados no ensino público, non se fixeron esperar.

Traballadores do naval e da Universidade foron expulsad@s da Cámara por orde da presidenta que suspendou a sesión temporalmente

Con cartaces que exixían carga de traballo e "solucións" para o naval, @s manifestantes amosaron o seu rexeitamento á decisión adoptada por Rojo ao berro de "esta é a democracia do PP". A presidenta da Cámara optou finalmente por suspender "até novo aviso" a sesión e expulsar @s traballadoras e traballadores da Cámara. Poucos minutos após anunciar a suspensión, Pilar Rojo reanudou a mesma permitindo que a conselleira de Facenda, Elena Muñoz, continuase a dar lectura ao informe de contas que se estaba a presentar no Pleno. O que dicía Muñoz pouco importaba, no entanto, máis unha vez a presidenta fixo leitura de embude co regulamento e re-iniciou a sesión parlamentar sen pre-avisar aos grupos da oposición. Coas bancadas baleiras e baixo a única ollada d@s deputad@s do Partido Popular a conselleira finalizou a súa intevención, iso si, sen a presenza das cidadás e cidadáns que foron expulsad@s da Cámara. 

En comparecencia de imprensa, Pilar Rojo denuniciou o acontecido asegurando que supuña "un atentado" e lamentaba que "os grupos da oposición" tivesen levado ao Pleno ás traballadoras e traballadores incumprindo a orde asinada por ela propia o pasado sábado. Aliás, Rojo asegurou que se reuniría cos portavoces dos grupos na procura de acordos, no entanto, reafirmouse na súa decisión e desbotou erguer o veto imposto á cidadanía. 

A oposición denuncia un "Estado de sitio" 

Os grupos da oposición --que só estaban representados polos seus voceiros, Pachi Vázquez, Xosé Manuel Beiras e Francisco Jorquera-- denunciaron nas súas intervencións a decisión adoptada pola presidenta Pilar Rojo ao considerala "un secuestro" do Parlamento e a "criminalización" das persoas afectadas pola xestión da crise económica.
"Un Parlamento non pode converterse nun clube privado", denunciou o portavoz do BNG. No entanto, Após a nterrución da sesión Pilar Rojo considerou que "os acontecementos" vividos esta terza feira "reafirmaban" a súa orde ao considerar que supuñan "un atentado contra unha institución do Estado". As verbas da presidenta non serviron para facer recuar a unha oposición que asegura se manterá firme se o Partido Popular non permite de novo a entrada da cidadanía ao Hórreo. Neste senso, tanto o voceiro socialista como @s deputad@s do BNG lembráronlle ao PP como en 2005 a propia presidenta da Cámara, encabezaba “unha rebelión de máis de 200 altos cargos do Partido popular” para tomar o Parlamento galego. Porén, daquela conformaban o grupo da oposición. 

Comentarios