De Zeltia a PharmaMar: de como Galiza perdeu parte dunha empresa punteira

PharmaMar é unha das empresas que máis está a crecer en plena crise da Covid-19. A firma ten as súas orixes na Galiza, pero desde 2015 a sede está en Madrid. Con todo, accionistas galegos controlan 20% do seu capital, mentres que o grupo Zendal, con sede no Porriño, aproveitou os seus desinvestimentos dos últimos anos.
Cartel na sede de PharmaMar de cando a galega Zeltia era aínda a matriz do grupo (Foto: PharmaMar)
photo_camera Cartel na sede de PharmaMar de cando a galega Zeltia era aínda a matriz do grupo (Foto: PharmaMar)

En 1939, un ano marcado pola fin da Guerra Civil española e o comezo do réxime franquista, nacía en Vigo Zeltia, unha compañía chamada a revolucionar a produción de medicamentos. Coas achegas de Fernando Calvet, científico represaliado polo franquismo asociado á Universidade de Santiago de Compostela, e coa participación do doutor Ramón Obella e outros investigadores como Isidro Parga Pondal e Miguel Catalán, a empresa converteuse nun referente no aproveitamento da flora medicinal e de produtos procedentes de glándulas animais para a produción de vacinas, funxicidas e pesticidas, entre eles o popular DDT, que se comercializaría baixo a marca ZZ. 

Nesa empresa xogaba un papel importante a familia Fernández López, vencellada ao negocio agroalimentario, con matadoiros e terras de cultivo na zona do Porriño. E precisamente un dos seus descendentes, José María Fernández de Sousa-Faro, foi o que desvencellou da Galiza unha empresa prometedora que aínda ten moito que dicir na loita contra a Covid-19

Marcha a Madrid

Zeltia, que xa cotizaba en bolsa no ano 1963, foi crecendo a partir de entón e reestruturando o grupo en tres divisións, unha farmacéutica, outra agraria e finalmente, unha veterinaria. 

Cos anos o grupo foi creando novas filiais. Así, en 1975 inauguran Xylacel, especializada en produtos para madeira e metal e 11 anos despois, en 1986, PharmaMar, enfocada na investigación de fármacos antitumorais de orixe mariña. 

Esta foi a primeira filial que fixou a súa sede fóra da Galiza, na localidade madrileña de Colmenar Viejo. Foi en 2003, coincidindo cunha ampliación do departamento de I+D+i. O que ninguén sospeitaba entón era que ese cambio de domicilio sería o paso previo para fixar a sede do grupo en Madrid.

Para iso, Zeltia levou a cabo unha fusión inversa en 2015, pola que todos os seus activos e os das filiais pasaban a depender de PharmaMar, que exerce desde entón como matriz do holding empresarial, e que naquela época medraba grazas ao éxito do antitumoral Yondelis, indicado para o tratamento do sarcoma de tecidos brandos e o cancro de ovarios, entre outros. 

Nos últimos tempos, Yondelis cedeu o protagonismo ao Aplidín, un fármaco que está a ser testado para o tratamento da Covid-19. Genómica, outra das divisións do grupo con sede en Madrid, tamén vén de validar un kit PCR para o uso de mostras directas de saliva. 

Accionariado galego

Malia a perda da sede fiscal da empresa e da oportunidade de xerar postos de alta cualificación no país, a propiedade ten aínda un forte carácter galego. José María Fernández de Sousa-Faro exerce como máximo accionista, co control directo do 11% dos títulos, que se suman á participación de 5% que declara a súa muller, Montserrat Andrade, mesma porcentaxe que ostenta Sandra Ortega, a filla do fundador de Inditex, Amacio Ortega, a través da sociedade Rosp Corunna. Por detrás delas quedaría o curmán de Fernández de Sousa e vicepresidente de PharmaMar, Pedro Fernández Puentes, con 4,5%.

Precisamente, este último conseguiu salvar algún dos activos da antiga Zeltia. Nos últimos anos, PharmaMar decidiu centrar os seus esforzos na división biofarmacéutica, o que lle levou a desfacerse de varias sociedades con sede na Galiza. 

Venda das filiais

A primeira en cambiar de mans foi Xylacel. En 2018, a empresa especializada en vernices e pinturas con sede no Porriño foi vendida por 21,8 millóns de euros á firma holandesa Azko Nobel, que materializou a operación a través da súa filial española, domiciliada en Zaragoza.

Un ano máis tarde, en 2019, PharmaMar desfaríase da súa última filial galega, Zelnova Zeltia, que aglutinaba a súa división química e centraba a súa actividade na produción de insecticidas, ambientadores e produtos de coidado persoal baixo marcas como Kill-Paff, ZZ. Casa Jardín ou Hechicera. Vendeuna por 33,4 millóns de euros ás sociedades Allentia Invest e Safoles, participadas, entre outros, polo vicepresidente de PharmaMar, Pedro Fernández Puentes.

Agora, Zelnova Zeltia, ao igual que Cooper Zeltia Veterinaria (CZV na súa nova denominación) están vencelladas ao grupo Zendal. Desta última colga á súa vez Biofabri, unha filial que desenvolve tratamentos para doenzas animais como a lingua azul, ou humanas como a tuberculose. Tamén traballa no desenvolvemento dunha vacina para a Covid-19, ademais de ser a encargada de producir a da vacina de Novavax.

Comentarios