Pharmamar avanza un posíbel tratamento para o coronavirus

PharmaMar está a probar a eficacia de Aplidina, un medicamento para o cancro hematolóxico, no tratamento do coronavirus.
José María Fernández de Sousa, presidente de PharmaMar (Europa Press).
photo_camera José María Fernández de Sousa, presidente de PharmaMar (Europa Press).

O remedio para o coronavirus (COVID-19) pode ter selo galego. PharmaMar, a farmacéutica presidida por José María Fernández de Sousa, anunciou onte que conta cun composto terapéutico en fase de investigación para tratar o actual brote de coronavirus e que poderían probar o seu funcionamento "en cuestión de semanas". 

A solución ten nome propio, Aplidina, un medicamento empregado para o cancro hematolóxico. O propio Fernández de Sousa recoñeceu nun encontro cos medios de comunicación que hai "altas expectativas" por parte da compañía en que as probas confirmen a este medicamento como "arsenal" terapéutico" contra o coronavirus "antes dun mes". Este prazo contrasta cos 12 e 18 meses que podería demorarse a comercialización de vacinas, apuntou.

No caso de confirmarse a efectividade, PhamaMar solicitaría un 'fast track' para a súa aprobación e comercialización por parte da Axencia Europea do Medicamento e, en paralelo, da súa homóloga nos Estados Unidos de América, a FDA. "Cremos que temos un composto que funciona nos coronavirus; temos que facer a investigación e estamos xa a pasar mostras a laboratorios especializados para probar as nosas hipóteses. Búscanse solucións, como vacinas, pero que tardarán entre 12 e 18 meses en estar listas; para entón quizá non fagan falta porque xa estaremos inmunizados", agregou Fernández de Sousa.

Tras producirse o anuncio, os títulos da farmacéutica subiron con forza en bolsa, cunha revalorización superior a 10%.

'Kit' de detección

Mentres agardan polos resultados, a filial Genómica segue a traballar no kit de detección do COVID-19. De momento, o kit é capaz de detectar 22 enfermidades respiratorias producidas por virus, entre as que se atopan tres tipos de coronavirus. Fernández cre que se foron capaces de poñer a punto o test para estes tipos de coronavirus, tamén o farán para o Covid-19.

Comentarios