PharmaMar presentou un ensaio clínico de fase II de Aplidin (plitidepsina) para o tratamento da COVID-19 á Axencia Española de Medicamentos e Produtos Sanitarios (AEMPS), segundo informou a compañía á Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV).
Trátase dun ensaio clínico de fase II, aleatorizado e multicéntrico, no que se avaliarán dúas doses diferentes de plitidepsina no tratamento de pacientes con pneumonía Covid-19. O protocolo está actualmente en avaliación.
Incluiranse 160 pacientes ingresados en hospitais do Estado español, nos que se pretende avaliar se a plitidepsina, administrada por vía intravenosa durante cinco días a pacientes con pneumonía Covid-19, reduce a proporción de pacientes que progresan a síndrome de Distrés Respiratorio Agudo, a causa principal pola que os pacientes requiren ventilación mecánica e / ou ingreso en Unidades de Coidados Intensivos.
Varios centros do Estado participarán no estudo e espérase comezar pronto, unha vez que se obteña a autorización das autoridades sanitarias.
"Esta emerxencia sanitaria require que todos traballemos xuntos para tratar esta pandemia. Cada un de nós está obrigado a facer o máximo posíbel", afirmou o presidente de PharmaMar, José María Fernández.