Multan varias industrias por irregularidades nos contratos de compravenda de leite

Agromuralla insiste en pedir o Ministerio de Agricultura e a organismos como a AICA que impidan a venda a perdas.
Vacas pacendo nunha leira.
photo_camera Vacas pacendo nunha leira. (Foto: Xunta)

A Axencia de Información e Control Alimentario (AICA) vén de sancionar tres empresas que recollen leite na Galiza por irregularidades nos seus contratos. En concreto, as industrias ás que o organismo público dependente do Ministerio de Agricultura lles abriu expediente son Lactalis ─a industria que máis leite recolle no país─, Leite Río e Celega.

As multas parten das denuncias presentadas no ano 2020 pola asociación de gandeiros e gandeiras Agromuralla ao detectar que os contratos de compra do leite aos produtores non cumprían co estipulado na lexislación ao efecto. 

En concreto, a AICA dá a razón a Agromuralla en canto a que os contratos presentados por Lactalis, Leite Río e Celega "non inclúen os extremos que como mínimo deben conter os contratos alimentarios", en concreto, o precepto 23.1.b) da Ley 12/2013 da Cadea Alimentaria, que recolle a obrigatoriedade de incluír os extremos que como mínimo deben conter os contratos alimentarios.

No caso de Celega, a maiores, a infracción ten que ver con "realizar modificacións no prezo incluído no contrato que non estean expresamente pactadas polas partes", segundo se detalla nunha comunicación que acaba de recibir Agromuralla por parte da Axencia encargada de vixiar o cumprimento da legalidade en materia agroalimentaria.

A través dun comunicado, este colectivo amosa a súa satisfacción pola actuación do organismo dependente do Ministerio de Agricultura, a quen pide sen embargo "que actúe de oficio vixiando o cumprimento da lei e en defensa dos dereitos dos produtores, sen que teñan que ser os propios gandeiros os que se vexan obrigados a denunciar, tendo que enfrontarse ás empresas que lles recollen o leite".

Venda a perdas

Neste senso, e máis aínda ante a forte suba nos custos de produción,  a asociación de gandeiros e gandeiras anuncia que se manterá "vixiante" e levará ante a Axencia de Control e Información Alimentario "todas aquelas situacións que vulneren a normativa e supoñan un motivo claro de indefensión para os produtores", en particular coas que teñen que ver coa venda a perdas. 

"Non imos tolerar ningún abuso por parte das industrias. Nunha situación de custos disparados de produción como a actual é esixíbel o cumprimento estrito da Lei da Cadea, que estabelece que o prezo pagado debe cubrir eses custos de produción", conclúe Agromuralla.   

Comentarios