A Xunta, a instancia dos sindicatos, require a Alcoa que retire o ERE e agarde pola venda

Reunión do comité de empresa de Alcoa San Cibrao co conselleiro de Industria (Xunta da Galiza)
Os sindicatos manterán unha reunión con Liberty House, multinacional interesada en mercar as factorías de Alcoa, o día 3 en Compostela.

A aparición dunha empresa que ten a intención de mercar as factorías de Alcoa en San Cibrao acelerou nas últimas horas as accións para tentar evitar que se faga efectivo o expediente de regulación de emprego (ERE) previsto para o vindeiro 4 de agosto. A Xunta, como autoridade laboral competente na Galiza, enviou esta sexta feira un requirimento á multinacional para que retire o ERE que ameaza 534 empregos da planta de aluminio e máis de 400 nas auxiliares. A decisión tomouna o conselleiro de Industria, Francisco Conde, após manter unha reunión co comité de empresa que informou que manterá unha xuntanza a vindeira segunda feira con Liberty House, a multinacional interesada en adquirir as plantas. 

Paralizar o ERE e negociar a venda

"É fundamental que os Gobernos galego e español eviten que a multinacional consuma a parada das cubas e faga efectivos os despedimentos", sinala a Nós Diario Paulo Carril, secretario xeral da CIG, "ademais é urxente que se convoque a mesa multilateral e que sexamos capaces de paralizar o ERE, así como que colla máis forza a continuidade da actividade produtiva, cunha intervención pública", engade. A confirmación do interese de Liberty House polas factorías indica, segundo Carril “que é mentira todo o que Alcoa di en relación a que é inviábel a produción de aluminio primario na factoría da Mariña". 

Con esta multinacional manterá unha reunión o comité de empresa o 3 de agosto, un día antes de que finalicen as negociacións para o ERE que pensa realizar Alcoa. "Segundo sabemos, a multinacional  xa ten avanzada unha negociación coa Administración española e reuniranse tamén a segunda feira co Goberno galego", explica Victor Ledo (CCOO) a Nós Diario, "e coa actual postura de Alcoa as Administracións non lles queda outra que mollarse os días seguintes", sinala. Desde UXT, Javier Carreiro apunta que a nova empresa "ten que pór o seu proxecto enriba da mesa para que non se paralicen as cubas que implicaría despedimentos". 

Piden cárcere polos incidentes con Alu Ibérica

A Fiscalía pide 12 e 15 meses de cárcere para dous traballadores da planta de Alu Ibérica da Coruña -antiga Alcoa- pola protesta de marzo de 2019 en defensa da planta ante o Congreso dos Deputados. Segundo os traballadores, non "arremeteron" contra os axentes da policía e, ao contrario, afirman que foron "vítimas" dunha carga "desproporcionada". Estas demandas "ratifican" a petición da xuíza de Instrución 25 de Madrid e, polo momento, non hai data para o xuízo oral.