Entrevista

Xoán Xosé Bouzas, responsábel de Industria da CIG: "As empresas europeas da automoción non foron capaces de adaptarse"

A situación na automoción a nivel galego e mundial é convulsa. Ante a proliferación dos expedientes de regulación temporal de emprego, "a perda de dereitos laborais" e o risco que supón a crise do sector, Nós Diario conversa sobre este contexto con Xoán Xosé Bouzas, responsábel da federación de Industria da CIG.
O responsábel de Industria da CIG, Xoán Xosé Bouzas. (Foto: Nós Diario)
O responsábel de Industria da CIG, Xoán Xosé Bouzas. (Foto: Nós Diario)

—Galiza acolleu a primeira folga no sector galego e estatal da automoción a pasada semana, convocada pola CIG.
É un orgullo e unha lección de dignidade a que demos no sector. Tratouse da primeira folga destas características tanto a nivel galego como estatal, e con ela buscabamos dous obxectivos, por unha parte dicir cal é a crise que está atravesando a automoción tanto na Galiza como no mundo, e pola outra que esa mensaxe de alerta chegase ás empresas e ao conxunto dos traballadores e das traballadoras. 

—Nos últimos anos está habendo moitos Expedientes de Regulación Temporal do Emprego (ERTE) e paralizacións da produción no sector da automoción.
É unha consecuencia da pandemia pola lexislación introducida, e nós estamos totalmente en contra. Hai ERTE permanentes case en 90% das empresas de automoción, e non só falamos de Stellantis, principais tamén o son todas as outras, hai unhas 50 no país que están afectadas por esta situación, 40 delas con ERTE permanente, o cal implica que de forma preventiva a empresa prevé que en determinados períodos as empresas van ter que fechar e o persoal pasa a percibir a prestación de desemprego, pagada con cartos públicos. Entendemos que eses ERTE son fraudulentos e as Administracións non controlan o cumprimento dos seus condicionamentos. Facemos o mesmo traballo ou máis e temos máis precariedade, hai que facer unha adaptación do sistema laboral.

—Fálase de crise da automoción. Con todo, as vendas de vehículos están aumentando e os beneficios empresariais medran.
O mercado está abastecido, neste sentido hai un tema que as empresas aproveitaron tras a pandemia despois dun período de produción máis baixa, mais todos eses vehículos foron vendidos nos anos posteriores, e agora o problema é que as compañías se ven sometidas a unha lexislación que terían que aceptar sobre a transición dos vehículos de combustión aos eléctricos. Porén, as firmas europeas están só fabricando aquelas unidades que teñen marcadas por lei e incluso algunhas están sendo multadas por non chegar a eses mínimos. Isto acontece porque non se creron que esta transición se podía dar e non foron capaces de adaptarse, e, en consecuencia, agora estamos subvencionando con diñeiro público aquelas persoas que teñen posibilidade de comprar un vehículo eléctrico.

—Estanse deslocalizando moitas das fases da produción.
Este é un dos grandes piares da nosa loita, a deslocalización prodúcese exclusivamente por un abaratamento de custos, e lévase a produción a outros países con salarios máis baixos ou incluso con peores condicións de traballo. Hai empresas de compoñentes que tamén se estabeleceron no norte de Portugal, mais esa competencia xa non lles chega e tamén se trasladan a países do centro de Europa e de África. Por isto queren converternos nun país de baixo custo, é grave.

—E neste contexto, a situación en Alemaña está moi axitada. 
O fechamento de fábricas ou o descenso da produción en Alemaña afecta directamente as empresas que están na Galiza. Temos empresas de compoñentes que nutren algunhas destas firmas, e, en casos como General Motors, xa chegaron notificacións de recortes nos pedidos. 

Temos que ter en conta que as matrices das grandes marcas europeas, como Volkswagen ou a propia Stellantis, están noutros países, e non lles vai importar a planta de Vigo ou doutro sitio. Aínda que fagan axustes, non van fechar a sede, este é un risco para sitios como Galiza, onde sabemos que é unha reconversión.

"China estivo facendo avances tecnolóxicos"

O responsábel da federación de Industria da CIG, Xoán Xosé Bouzas, salienta que os aranceis "son unha medida para tratar de corrixir o mercado, mais non deixan de ser un imposto encuberto que teñen que pagar as persoas usuarias". Neste sentido, o sindicalista intúe que moitas fábricas europeas van pasar a producir coches das marcas chinesas, o que cualifica de "contradición". Con todo, salienta que a base desta problemática é que "mentres a China estivo facendo avances nas novas tecnoloxías da automoción, non tan mediaticamente, senón tecnicamente, non sabemos que estiveron a facer as empresas en Europa". E agora, afirma Bouzas, "non estamos nas mesmas condicións, polo que as Administracións teñen que pór máis diñeiro para recuperar o tempo perdido e incluso adoptar medidas para protexer o mercado antes uns vehículos máis competitivos".

Comentarios