Incerteza en Vigo: Stellantis perde máis de 6% do seu valor en bolsa tras a dimisión de Tavares

A semana pasada comezaba co conselleiro delegado de Stellantis, Carlos Tavares, reuníndose co presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, para abordar a situación da automoción. Porén, a semana acabou coa dimisión do portugués, a cal xerou unha forte caída da multinacional en bolsa.
Pedro Sánchez e Carlos Tavares, a semana pasada en Moncloa. Abaixo, John Elkann, no mes de outubro no Gran Premio de México de Formula 1. Á dereita, a fábrica de Stellantis en Vigo. (Fotos: Fernando Calvo / AFP7 / Marta Vázquez Rodríguez / Europa Press)
Pedro Sánchez e Carlos Tavares, a semana pasada en Moncloa. Abaixo, John Elkann, no mes de outubro no Gran Premio de México de Formula 1. Á dereita, a fábrica de Stellantis en Vigo. (Fotos: Fernando Calvo / AFP7 / Marta Vázquez Rodríguez / Europa Press)

As accións de Stellantis perderon esta segunda feira 6,3% do valor ao fechamento das bolsas de Milán e de París tras a dimisión do que até domingo era o conselleiro delegado, Carlos Tavares. O resultado na bolsa de Nova York á hora do fechamento en Europa tamén era de 6,3%. Así, os títulos do grupo –dono de 14 marcas como Citroën, Peugeot, Fiat ou Jeep– desvalorizáronse no que vai de ano 44,5%, descendendo até unha capitalización de 34.760 millóns de euros.

Desde o comezo de 2024, a firma de automoción caeu 44,5% no mercado bolsista

O pasado domingo, Stellantis anunciou nun comunicado que o Consello de Administración da compañía, baixo a Presidencia de John Elkann, aceptara a renuncia de Carlos Tavares ao seu cargo de conselleiro delegado con efecto inmediato. O grupo xurdido en 2021 tras a fusión de Groupe PSA e Fiat Chrysler –titular dunha importante fábrica en Vigo– detallou que o proceso para designar a persoa que ocupará a vacante atopase en marcha xestionado por un Comité Especial do Directorio e que concluirá no primeiro semestre de 2025. Até entón, a empresa anunciou que se estabelecía un novo Comité Executivo Interino, presidido por John Elkann.

Previo ao comunicado da saída do directivo portugués, Stellantis anunciara o pasado outubro que iniciaba a procura dun sucesor para o posto de conselleiro delegado que até o domingo ocupaba Carlos Tavares, cuxo contrato vencía en 2026. A presión sobre o directivo luso foi en incremento debido ao mal desempeño da multinacional nos seus mercados principais como o dos Estados Unidos de América, unha das súas maiores fontes de ganancias xunto con Europa. 

Tavares, que neste ano conseguira incorporar unha nova empresa conxunta co fabricante chinés LeapMotor, a través da cal Stellantis vende en Europa dous dos modelos do grupo asiático, atopábase cada vez máis baixo presión polo baixo rendemento da automobilística, que xunto con outras compañías europeas, enfrontase a unha baixa demanda de vehículos eléctricos no continente, así como ás dificultades para conseguir chegar aos obxectivos de emisións de CO2 que a Comisión Europea estabelece para o próximo ano.

"Nas últimas semanas xurdiron diferentes puntos de vista que deron lugar á decisión do Consello de Administración e do conselleiro delegado", manifestou o director independente sénior de Stellantis, Henri de Castries. Pola súa parte, John Elkann agradeceu a Tavares os seus "anos de dedicación e o papel que desempeñou na creación de Stellantis, ademais de nas anteriores transformacións de PSA e Opel, que nos situaron no camiño de converternos nun líder mundial na nosa industria".

Alfonso Rueda recoñece a "inquietude" pola noticia

O presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, considerou esta segunda feira necesario que Stellantis confirme que se garanta a actividade e o emprego na planta de Vigo "con independencia" de quen sexa "a cabeza visíbel" do grupo. Preguntado respecto diso na rolda de prensa posterior á reunión do Consello da Xunta, o presidente do Goberno galego recoñeceu "inquietude" tras coñecerse a noticia da dimisión de Tavares e destacou que o seu Executivo xa mantén "a día de hoxe" contactos cos responsábeis da planta da cidade olívica para ser informado sobre cales van ser as previsións de evolución da factoría na Galiza.

Rueda incidiu en que se trata dun sector "importantísimo" que a Xunta "seguirá apoiando". "Nun mundo tan competitivo e tan global como é o da automoción, estas axudas son necesarias mais tamén teñen que estar vinculadas ao que buscamos, e é que esa creación de postos de traballo e de riqueza se manteña", afirmou. "Saben que esa é a condición e o que queremos é que nos confirmen que todo iso vaise seguir producindo", subliñou o presidente da Xunta.

Matriculación de coches

A crise en Stellantis contrasta cos datos de matriculación de vehículos a nivel galego e estatal. Na Galiza, a inscrición de turismos e todoterreos alcanzou as 2.344 unidades en novembro, o que supón 6,8% máis que no mesmo mes de 2023, segundo os datos publicados esta segunda feira polas asociacións de fabricantes, concesionarios e vendedores. 

A venda de coches na Galiza creceu 11,3% durante o que vai de ano

Esta cifra supón un incremento lixeiramente superior ao da media estatal, onde as vendas de vehículos creceron 6,4% en novembro, até 83.339 coches. No que vai de ano, entregáronse 24.873 turismos e todoterreos na Galiza, 11,3% máis, mentres que a nivel estatal alcanzáronse os 911.503 vehículos, 5,1% máis. 

Por tipo de combustíbel, os de gasolina aumentaron as vendas a nivel galego 0,82% en novembro e 1,7% nos 11 primeiros meses de 2024, até as 741 e 8.188 unidades. Os diésel caeron 26,1% en novembro e 18,4% no que vai de ano, até as 153 e 2.400 unidades. Ademais, os vehículos do resto de combustíbeis, incluíndo os coches eléctricos, os híbridos de hidróxeno e os das demais tecnoloxías, creceron 15,7% en novembro e 25,8% no que vai de ano, superando os modelos diésel e gasolina con 1.450 e 14.285 unidades. Con estes datos, máis da metade (57,4%) dos vehículos vendidos até o mes de novembro na Galiza foron desta categoría.

Agravase a recesión manufactureira na zona euro

A deterioración da actividade manufactureira da zona euro agravouse durante o pasado mes de novembro, segundo o índice PMI, que baixou a 45,2 puntos desde os 46 do mes anterior, con tres das catro maiores economías da área monetaria en contracción e coa única excepción positiva do Estado español. Deste modo, mentres que o PMI manufactureiro de Alemaña se mantivo en 43 puntos, o dato de Francia empeorou a 43,1 desde 44,5, e o de Italia caeu a 44,5 puntos fronte aos 46,9 de outubro. Pola súa parte, o PMI do Estado español, a pesar de caer a 53,1 enteiros en novembro desde os 54,5 do mes anterior, segue por encima do limiar de 50 puntos que separa a contracción da expansión. 

"Números terríbeis"

"Estes números son terríbeis. É coma se a recesión manufactureira da zona euro nunca fose terminar", afirma Cyrus de la Rubia, economista xefe de Hamburg Commercial Bank, para quen é probábel que esta caída se prolongue até 2025. O experto sinala o caso das empresas españolas do sector de bens de capital, que mostraron un crecemento acelerado, o que podería estar relacionado coa DINA no País Valencià, onde se estima que 100.000 automóbiles foron destruídos e necesitan ser substituídos, aínda que avisa de que "este auxe probabelmente non durará".

Comentarios