Xeal retira 20 traballadores do ERTE após acender un dos fornos

A empresa promete investir 28 millóns de euros nas plantas galegas até 2024.
Fábrica de Xeal en Cee (Foto: CIG).
photo_camera Fábrica de Xeal en Cee (Foto: CIG).

A compañía Xallas Electricidade e Aliaxes (Xeal, a antiga Ferroatlántica) vén de anunciar a reactivación "de forma temporal" dun forno de silicomanganeso, co que recupera a produción nos centros de Cee e Dumbría á vez que saca a 20 empregados do Expediente de Regulación Temporal de Emprego (ERTE) que afectaba o cadro de persoal.

Deste modo, a compañía restabelece parte do ritmo de produción coa apertura do forno, parado pola baixa demanda do mercado debido á pandemia, segundo argumentan desde a propia empresa, que explica que a apertura do forno 14 débese a un pico de demanda que se prevé que se alongue durante dous meses, novembro e decembro, explica nun comunicado.

"Desexamos que a demanda de ferroaleaxes se recupere canto antes, pero lamentabelmente a situación do mercado é moi complicada a nivel xeral e non prevemos unha recuperación sostida a curto prazo", sostén a directora corporativa de Xeal, María Couto

"Imos producir cando haxa demanda, e mentres non a haxa continuaremos co noso plan de investimentos; é a mellor estratexia posíbel para ser competitivos e sostíbeis", remarca Couto.

Protestas polo ERTE

A nova da posta en marcha do forno 14 prodúcese após varias semanas nas que os traballadores das plantas de Cee, Dumbría e das centrais hidroeléctricas mobilizáronse para denunciar que o ERTE "é unha fraude", e acusar a empresa de querer "aproveitarse da crise sanitaria para aforrar diñeiro e avanzar no plan de recorte da produción".

Os traballadores temen que esta medida remate nun ERE e na "segregación encuberta" das actividades de ferroaleaxes e produción eléctrica, o que deixaría en evidencia que a venda a TPG-Ithaka "é fraudulenta", xa que, como apuntan desde o comité de empresa, a nova propietaria "está interesada no negocio da enerxía e non na produción de ferroaleaxes". 

A compañía, pola súa banda, aproveitou o comunicado de onte para lembrar que desde a chegada dos novos accionistas o pasado ano executáronse ou finalizáronse investimentos por valor de seis millóns de euros e insistiron en que o compromiso da dirección de Xeal é lograr un investimento total nas factorías de 28 millóns de euros no horizonte de 2024.

Comentarios