A venda de vivendas en 2020 incrementouse na metade dos concellos galegos impulsada pola Covid-19

Inmoble adosado cunha pequena finca á venda en Culleredo. (Foto: Nós Diario)

A pandemia reactivou o mercado inmobiliario, impulsando a saída de fogares con pequenas fincas e mesmo piscinas. A Federación Galega de Empresas Inmobiliarias (Fegein) confirma que a tendencia que comezou após o confinamento estrito consolidouse. Iso si, os municipios máis próximos ás cidades teñen un maior atractivo.

A revitalización do mercado inmobiliario no rural, que comezou case coma unha anécdota cando se levantou o confinamento o ano pasado, chegou para quedarse na Galiza. A Federación Galega de Empresas Inmobiliarias (Fegein) recoñece que non sabe por canto tempo, pero ten claro que os datos falan alto e claro. Tamén o fan as estatísticas sobre vivenda coas que conta o Ministerio de Fomento, segundo as cales -a pesar dalgúns equívocos sobre xeografía galega- a metade dos municipios rexistraron incremento nas operacións de compra-venda en 2020.

O informe sobre as transaccións de vivenda na Galiza do que dispón o Goberno do Estado español indica unha suba moi importante dos cambios de propietarias de centos de casas no país.

Nós Diario estabeleceu unha comparativa entre as operacións feitas en 2019 e 2020, se ben xa ao pór xuntos os datos dos dous primeiros e dos dous últimos trimestres do exercicio detéctase unha clara relación entre os acordos e as vivencias causadas pola chegada do coronavirus, que levou á cidadanía a verse fechada longas horas durante moitas semanas en pisos pequenos.

Moita xente con estabilidade económica e laboral deu as costas ás grandes cidades para mudarse

Precisamente por esa sensación de estar presa ou preso no fogar -da que tamén poderían dar conta psicólogas e psiquiatras, que teñen recoñecido a este diario que esta situación da pandemia foi unha das que pasou factura ás galegas- a xente con estabilidade económica e laboral deu as costas ás grandes cidades para mudarse.

Os números non erran e as sete grandes urbes perderon ventas de casas con respecto a 2019, pero en xeral houbo ascensos en concellos limítrofes con vivendas unifamiliares e máis espazo para vivir e teletraballar. Vigo, por exemplo, precipitouse nunhas 400 compras en relación ao ano anterior. Na Coruña a caída foi similar, sendo Ferrol (con 43 acordos por debaixo) e Ourense (con 52) as que menos se resentiron.

Preto das cidades

“A xente non busca en calquera sitio: vai á periferia e área metropolitana das cidades, quere ter uns servizos”, destaca o presidente de Fegein, Benito Iglesias, en declaracións a Nós Diario. Nos estudos que vén realizando a organización queda demostrado que “quen compra agora unha vivenda procede da cidade e non está disposta a renunciar a todo”.

Coa era do teletraballo, que semella chegou para ficar, “o básico é que haxa banda ancha” e que a conexión a internet sexa estábel. “No rural non hai ou é deficiente e é unha condición sine qua non” para trasladarse, polo que Iglesias pensa que é unha materia pendente do rural para poder evitar a migración.

Unha casa en estado de abandono, en Mugardos. (Foto: Santiago Amado)

Se ben é certo que Fomento revela crecementos en municipios máis afastados das sete grandes urbes, o representante da patronal inmobiliaria pensa que as cifras chaman a atención porque nunha zona onde apenas se vende, fechar varios acordos eleva as porcentaxes.

Nesa situación están localidades como Monfero (de dous a dez vendas nun ano); Muras (de cinco a 14); Begonte (de 11 a 20); Carballeda de Valdeorras (de catro a oito); Lobios (de tres a sete) ou Arbo (de seis a 26).

Na Galiza, din, hai dispoñíbeis 7.050 vivendas “unifamiliares reformadas ou a reformar no circuíto de comercialización”

Pero as grandes curvas ascendentes nótanse en puntos como Nigrán (de 124 a 176); San Cibrao das Viñas ( de 38 a 44); Viveiro (de 156 a 184 porque A Mariña, a pesar de non estar preto de Lugo ten moito tirón) e Oleiros (de 354  424), por exemplo.

Os datos de ambas entidades non son paralelos pero si teñen similitudes. Atendendo á información achegada polas firmas asociadas a Fegein, son de especial interese para as persoas con economías saneadas para facer a inversión en vivenda “Barbadás, Pereiro de Aguiar, San Cibrao das Viñas, O Carballiño e Allariz”, preto de Ourense.

Aliás, con boas comunicacións con Pontevedra interesan “O Porriño, Nigrán, Cangas, Sanxenxo e Baiona” e no caso da Coruña e Compostela toman forza “Arteixo, Oleiros, Ames, Muros e Ribeira”. En Lugo ten éxito Monforte, pero a patronal detecta unha maior confluencia de condicións básicas en “Viveiro, Ribadeo, Foz e Burela”, todos eles municipios costeiros.

Na Galiza, din, hai dispoñíbeis 7.050 vivendas “unifamiliares reformadas ou a reformar no circuíto de comercialización” e malia que a demanda continúa crecendo ao parecer de Iglesias non todas as vilas van conseguir novas veciñas.

“Que teñan piscina é un plus, pero a xente quere dispoñer dun centro de saúde, colexios, servizos como internet... Hai casos de compradores que van máis ao ámbito rural pero o galego non é un hermitaño e, por experiencia, sabemos que moita xente que pensou na utopía ao final acabou vendendo e volvendo á cidade”, reflexiona.

Perfil das interesadas e prezos a asumir

Sobre os perfís das interesadas en mercar, fala dun espectro da poboación moi concreto. As que están a demandar este produto son “familias cuxos membros teñen entre 30 e 35 e 50 anos”. Ademais, sobre todo é o funcionariado o que se pode permitir a mudanza porque a pandemia pasou factura á estabilidade laboral do resto da poboación.

A federación destaca que os prezos medios están en 1.350 euros o metro cadrado na área da Coruña e na cifra máis elevada de 1.750 na de Vigo e Pontevedra. En Lugo e Ourense a norma pedir 1.500 euros por metro cadrado, sempre que sexa en réxime de compra pois os alugueres son reducidos e páganse máis caros.

Vivenda unifamiliar nunha aldea costeira. (Foto: Santiago Amado)

En calquera caso, a subida foi xeneralizada para aproveitar o cambio de tendencias do mercado. Especialmente, se o que se procura é contar con piscina privada para que os hipotéticos confinamentos non sexan tan duros.

Para mudarse xa

Respecto do estado das casas, búscanse para entrar a vivir por se hai novos confinamentos pero acéptase unha pequena reforma rápida. Precisamente ese tipo de arranxos básicos son os que están a manter a boa parte do sector da construción porque é o que máis se demanda e o que permiten as liñas de crédito.

Se ben é certo que hai algunhas novas promocións comezando -e dando a volta a un ámbito que tendía aos pisos máis pequenos- só as levan “as grandes construtoras ou fondos de inversión que teñen músculo económico para afrontar o gasto case solos”, pois o banco xa non está sempre detrás.