As vivendas no rural gañan atractivo, mais as cidades non perden interese

Medra o interese das persoas compradoras por facerse cunha vivenda no rural, mais a venda de pisos nas grandes áreas urbanas da Galiza segue a ser o motor do sector inmobiliario
Casas no rural (Foto: Eva Vidal)
photo_camera Casas no rural (Foto: Eva Vidal)

O confinamento derivado da Covid-19 provocou que moitas persoas valorasen a posibilidade de estabeleceren a súa residencia no rural. Desde as inmobiliarias recoñecen que houbo un incremento das vendas, pero aclaran que só as rendas medias e altas puideron dar o paso da cidade ao campo. Porén, o movemento inverso, do campo á cidade, mantívose estábel. 

O mercado inmobiliario medra con forza na Galiza. Boa proba diso é o feito de que o número de hipotecas concedidas o pasado mes de setembro crecese 68% con respecto ao mesmo mes de 2019, case catro veces superior ao do Estado español (18,4%). En agosto, construíronse na Galiza 212 novas vivendas, segundo os datos publicados onte polo Instituto Galego de Estatística (IGE), ás que habería que sumar as rehabilitacións de vivendas en pequenos municipios do rural, onde a demanda non deixa de medrar.

Segundo recoñece a Nós Diario o presidente da Federación Galega de Empresas Inmobiliarias (Fegein), Benito Iglesias, en abril e maio comezaron a detectar un aumento das consultas de vivendas no rural nos portais inmobiliarios que se materializou a partir de agosto, "mais aínda é complexo dicir se este cambio de mentalidade veu para quedar", sinala.

Con todo, a aposta no rural non está ao alcance de todos os públicos. Como apunta Iglesias, a Covid-19 provocou que moitas familias lle desen valor a propiedades que tiñan esquecidas no campo. Algunhas optaron por rehabilitalas e mudalas, e outras por aproveitar o 'tirón' da demanda e poñelas á venda. 

Así, no mercado pódense atopar vivendas para rehabilitar, mais poucas que estean en condicións de entrar a vivir nelas ou que só precisen unha pequena reforma, que son as que busca a clientela.

Lonxe do que se poida pensar, as persoas compradoras non se moven moito das contornas das cidades. "Valoran propiedades con conexión de bus urbano ou transporte metropolitano", di Iglesias, que sitúa como un hándicap á hora de vender unha propiedade a carencia de banda ancha, sobre todo para quen teletraballa ou quen ten crianzas en idade escolar. "Buscan tamén ter preto centros de saúde, escolas infantís e colexios, e iso en concellos de 3.000 habitantes non o vas atopar", engade.

O que si constatan desde Fegein é un aumento "significativo" da recuperación de casas. Moitas delas son froito de herdanzas e agora as propietarias están a rehabilitalas ben para alugalas, ben para vivir nelas ou telas como segunda vivenda. "Isto é moi positivo, xa que se recupera o patrimonio, axuda a fixar poboación no rural e gañan os pequenos contratistas locais". 

Nesta liña, Iglesias avanza que desde a federación están a ultimar un documento cunha serie de directrices para fomentar a rehabilitación de vivenda que esperan remitir ás Administracións antes de que remate o ano coa esperanza de que se poidan beneficiar das axudas europeas. 

Viaxe de ida e volta

Se non hai un desembarco masivo no rural é en parte polo alto prezo do solo en moitos concellos, en especial os que están nas áreas metropolitanas das cidades, o que limita o acceso ás propiedades  ás rendas medias e altas. 

Gerardo Tellado, xerente da inmobiliaria Versalles, con sedes na Coruña e Vigo, explica que as vendas no rural medraron, pero "non tanto como esperabamos", e recoñece que "por menos de 220.000  euros é difícil atopar casas en bo estado". De aí que tamén aposte na rehabilitación, xa que na actualidade "quedan as axudas ás vivendas nas marxes das rutas xacobeas e pouco máis". 

En xeral, o mercado mantívose estábel e nas cidades tamén creceu a demanda. Como relata Tellado, moita da xente que compra un piso na Coruña ou en Vigo faino como investimento, xa que os cartos no banco non lles producen intereses e o mercado inmobiliario aínda ofrece rendibilidades atractivas, mais tamén é xente maior que fai o percorrido de volta ao antes mencionado. 

"Son persoas maiores que viven en casas de douscentos ou trescentos metros no campo ás que lles marcharon os fillos e agora deciden volver á cidade polos servizos", unha viaxe "de ida e volta", conclúe.

Comentarios