Usuarias de Abanca súmanse ás protestas polo fechamento de oficinas

Protesta de clientas da entidade financeira en Catabois, en Ferrol. (Foto: CIG)
Os movementos para reestruturar as entidades financeiras non só afectan a sucursais de BBVA, Banco Santander ou Caixabank. O banco galego tamén anunciou baixas na súa rede como é o caso de oficinas en Ferrol e na Coruña.

Ás mobilizacións e protestas contra os ERE e recortes nas redes de oficinas de distintas entidades bancarias, súmanse agora as veciñas e veciños dos barrios de Catabois (Ferrol) e Monelos (A Coruña) após saber do inminente feche das sucursais que Abanca ten alí.

A clientela, que estivo apoiada pola sección sindical da CIG na entidade, quixo protestar diante das oficinas para rexeitar que estas desaparezan, mais tamén o recorte de servizos á clientela, aínda máis notábel desde este mes de xuño, cando polo menos nunha parte dos estabelecementos quedou reducido o horario de caixa.

As usuarias lamentaron esta cuarta feira que o banco galego lles incremente “as comisións ao tempo que son expulsadas das súas oficinas e se lles restrinxe o acceso aos servizos financeiros”.

Precisamente, desde o sindicato critican tanto os fechamentos de negocios, obrigando a maiores desprazamentos ás clientas, como do horario de xestión, que muda para traballar na dixitalización “posta en marcha conxuntamente polos bancos, atentando contra a competencia, sen que houbese actuación por parte da Xunta da Galiza ou do Ministerio de Economía".

Esta mudanza cara a “dixitalización forzada, ademais, é o que están a utilizar as entidades para xustificar novos peches de oficinas (que afectan especialmente ás zonas rurais, semiurbanas e a aqueles barrios periféricos que consideran menos rendíbeis)”.

Dende a CIG tamén sosteñen que con esta política afondan “na destrución de postos de traballo e na precarización das condicións laborais do sector”, pois os cambios estanse a ver en Abanca, BBVA, Banco Santander, Caixabank...

Aliás, defenden que como herdeira das Caixas de Aforros Galegas, Abanca debería ter en conta a realidade poboacional do país, con moitos núcleos rurais e unha poboación avellentada, "antes de replicar as políticas bancarias deseñadas polos grandes grupos bancarios dende Madrid, unhas políticas impostas que buscan incrementar os beneficios a costa da destrución do emprego e da marxinación financeira".