Abanca ofrece un euro para comprar a rede española de Novo Banco

Novo Banco España achega, de acordo cos datos difundidos por Abanca en abril, un volume de negocio de 4.287 millóns.
Oficina de Novo Banco en Oviedo (Foto: Xoán Roberes).
photo_camera Oficina de Novo Banco en Oviedo (Foto: Xoán Roberes).

Abanca ofreceu un euro como prezo simbólico para facerse coa rede española de Novo Banco, que, pola súa banda, cre que tería vendido mellor noutro momento.

Así o recolle un informe do comité de seguimento da entidade financeira portuguesa, segundo publicaron varios medios de comunicación lusos.

O pasado mes de abril, Abanca informou do peche desta compravenda, coa que alcanza os 100.000 millóns de euros de volume de negocio e que lle permitirá reforzar o seu posicionamento no negocio de banca persoal e privada e no negocio de empresas, ademais de aumentar a súa presenza no Estado español, fundamentalmente en Madrid.

Abanca destacou que a compra presenta un baixo risco de execución e mínimo consumo de capital. Após a operación, terá un volume de activos de 71.338 millóns de euros e xestionará 42.368 millóns de crédito á clientela, 46.037 millóns de depósitos e 11.789 millóns en pasivo fóra de balance. Contará con 6.312 empregados e 745 oficinas.

Novo Banco España achega, de acordo cos datos difundidos por Abanca en abril, un volume de negocio de 4.287 millóns. Dispón de 10 oficinas situadas en contornas urbanas con especialidade en banca persoal, privada, de empresas, corporativa e institucional.

Conta cun cadro formado por 172 empregados e unha rede de 102 axentes financeiros especializados.

A operación, segundo apuntaba por entón, está suxeita á obtención das autorizacións regulatorias correspondentes.

Sexta operación corporativa desde 2014

Abanca probou con éxito o seu modelo de integración doutras entidades nas operacións corporativas que realizou nos últimos anos. 

A primeira foi a integración en 2014 do Banco  Etcheverría; en 2017 realizouse a compra de Popular Servizos Financeiros; en 2018, Abanca adquiriu  Deutsche  Bank  PCB, e tamén en 2018 comprou a  Caixa  Geral de Depósitos o seu banco no Estado español, Banco  Caixa  Geral. En 2020, produciuse a compra de  Bankoa, cuxo proceso de integración finalizará durante os cuarto trimestres de 2021.

Comentarios