Catro gandeiros de Lugo interpoñen as primeiras demandas por impagamento contra o ‘cártel do leite’

UUAA anuncia o inicio do proceso xudicial contra o cártel do leite coa interposición das primeiras demandas.

uuaa leite unións agrarias roberto garcía
photo_camera Roberto García, segundo pola dereita, durante a rolda de imprensa desta sexta feira (Foto: UUAA)

Unións Agrarias (UUAA) ven de interpoñer as primeiras demandas de gandeiros afectos polo ‘cártel do leite’. A organización, en colaboración coa empresa de servizos xurídicos Eskariam, bota a andar un procedemento xudicial no que a día de hoxe se teñen embarcado arredor de 7.000 gandeiras e gandeiros.

Unha cifra que podería incrementarse aínda nos vindeiros meses, e que a organización agarda que aumente unha vez a Audiencia Nacional resolva os recursos interpostos polas industrias sancionadas e confirme “así a existencia do cártel e as prácticas ilícitas impulsadas para pactar á baixa o prezo do leite”.

Até xullo de 2024, indica UUAA nun comunicado, os gandeiros que entre 2000 e 2013 venderan leite aínda están a tempo de sumarse á reclamación contra as 10 empresas sancionadas pola Comisión Nacional do Mercado e da Competencia por pactar á baixa os prezos do leite. “Unha posibilidade que podería elevar o número de reclamacións, pois neses anos as ganderías con venda de leite situábanse no entorno das 49.000”.

Unións fai un chamamento para que os gandeiros que aínda non teñan iniciado a súa reclamación dean un paso á fronte e reivindiquen “o que, por dereito, lles pertence; habida conta da posibilidade que aínda se mantén aberta, logo da sentenza do Tribunal de Xustiza da Unión Europea que ampliou o prazo de prescrición nestas causas por prácticas ilícitas”.

A organización confía en que a Audiencia Nacional resolva en breve os recursos interpostos polas industrias afectadas. Un procedemento visto para sentenza que demora xa máis de dous anos e que, unha vez resolto, “suporá un importante espaldarazo ás reivindicacións do sector produto”r.

Coa interposición das primeiras demandas Unións Agrarias e Eskariam afirman querer “axilizar, e tamén impulsar, a reclamación das gandeiras e gandeiros afectados polos abusos das industrias lácteas”.

A reclamación dos 7.000 produtores que até o día de hoxe se teñen sumado a esta causa supera os 800 millóns de euros.

Roberto García, secretario xeral de UUAA na Galiza, criticou “a falta de sensibilidade, e tamén de rigor, de Alfonso Rueda, que falaba sen ter en conta a forte suba dos custos de produción que afecta ao sector e que, con estas palabras, semella pórse do lado da industria no seu afán por volver baixar tarifas”.

“Estamos nun momento no que producimos menos leite do que precisa o mercado, e as industrias están atrasando o anuncio de rebaixa de prezos para evitar perder clientes. Pero se se repite esa baixada de prezos orquestrada e concertada que non dubiden que non nos tremerá o pulso para volver denuncialas”, aseverou.

Comentarios