A UE manterá o veto á pesca após 2024

A CE prepara prohibir a actividade pesqueira en novas áreas mariñas.
Descarga de peixe no porto de Ribadeo, na Mariña. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
photo_camera Pescadores de Ribadeo descargan peixe e marisco a porto. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)

A Comisión Europea (CE) manterá o veto á pesca de fondo en 87 caladoiros comunitarios polo menos até finais de ano. Asemade, as autoridades da Unión Europea (UE) prevén aumentar as zonas protexidas destas artes de pesca até 30% após 2024.

A directora xeral de Asuntos Marítimos e Pesca da UE, Charlina Vitcheva, confirmou esta cuarta feira en Bruxelas a decisión de publicar no vindeiro mes o Plan de acción para a conservación e protección dos recursos pesqueiros, que ten como obxectivo incrementar as áreas mariñas protexidas das augas comunitarias de 10% a 30%.

O presidente da Alianza Europea de Pesca de Fondo, Iván López, sinalou que esta proposta pretende reformar a Política Pesqueira Común (PPC) sen modificar a propia lei, establecendo que todos os Estados membros da UE delimiten 30% das súas augas como espazos protexidos.

López non considera unha "sorpresa" esta medida e afirma que "é algo que se rumorea desde hai tempo. Este plan de acción xa estaba previsto para marzo do ano pasado". Porén, reclamou tempo para coñecer con precisión os detalles desta nova proposta.

As zonas prohibidas para a actividade pesqueira incluirían as 87 actualmente recollidas, onde xa está fixado un veto á pesca de fondo que inclúe todo tipo de artes e non só o arrastre.

A proposta de Bruxelas significa atrasar a revisión do regulamento que impide a actividade en áreas do Gran Sol e outros caladoiros da frota galega. A este respecto, o xerente da Organización de Produtores Pesqueiros de Burela, Sergio López, apuntou que "o veto á pesca galega manterase cando menos até finais de ano".

López avanzou que expertos do Instituto  de Oceanografía (IEO) aseguráronlle que a revisión vai implicar unha aumento das áreas mariñas prohibidas para a actividade pesqueira.

Comentarios