O TSXG rexeita suspender de maneira cautelar a taxa turística da Coruña
O alto tribunal galego descarta que o novo imposto cause prexuízos ao sector e lembra que os suxeitos pasivos son os viaxeiros e non os estabelecementos.
O Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) rexeitou a suspensión cautelar da taxa turística da Coruña, solicitada pola Asociación Empresarial de Hospedaxe de A Coruña (Hospeco), a Asociación Provincial de Empresarios de Hostalaría e a entidade Corunna Cruise Terminal.
As organizacións do sector recorreran a ordenanza municipal aprobada polo Concello da Coruña e pediran que se paralizase a súa aplicación mentres non se resolvese o fondo do recurso. Porén, o alto tribunal galego, ao igual que xa fixera no caso de Santiago de Compostela, negou a suspensión cautelar, polo que a taxa continuará en vigor.
Os recorrentes denunciaban supostas infraccións de procedemento na tramitación da norma e un "incumprimento palmario" por parte do Concello na elaboración e aprobación da ordenanza fiscal. Argumentaban tamén que a medida podería deteriorar a imaxe turística da cidade e xerar custos de xestión excesivos para os estabelecementos hostaleiros.
O TSXG non ve prexuízo nin dano reputacional
O tribunal, porén, conclúe que "o risco alegado non é, en ningún caso, o pago da taxa", xa que os suxeitos pasivos son os viaxeiros ou turistas, non os estabelecementos. Engade que non se acredita a existencia dun dano reputacional nin económico relevante para o sector.
"É público e notorio que este mesmo tributo se xeneralizou en moitos destinos turísticos sen provocar ese efecto, sen esquecer a escasa contía do tributo", sinala o auto.
En canto á carga de xestión denunciada polas asociacións, o TSXG considera que son "as propias dun operador económico", e que non se demostrou unha intensidade suficiente que xustifique a suspensión.
Unha medida en vigor desde setembro
A taxa turística está en vigor na Coruña desde o 29 de setembro, e grava cun pequeno recargo por persoa e noitada as estadías en estabelecementos de hospedaxe. O recurso interposto polas entidades do sector, "avalado por un informe da Universidade de Santiago de Compostela", sostén que a ordenanza "non cumpre os requisitos legais da Lei 5/2024" e que "carece de xustificación", xa que "A Coruña non sofre saturación turística e o turismo xa achega un saldo fiscal positivo ao municipio".
Hospeco advertira ademais de que o recargo podería prexudicar os pequenos estabelecementos e desviar tráfico de cruceiros cara a outros portos, argumento que o TSXG non considera probado.

