A xustiza prohibe a Alcoa parar as cubas mais autorízaa a executar os despedimentos

Os maxistrados entenden que a empresa pode executar os despedimentos e deter a produción, pero debe manter as cubas activas por se o ERE fose nulo
EuropaPress_3378735_trabajador_sostiene_bengala_nueva_manifestacion_convocada_comite_alcoa
photo_camera (Europa Press)

O TSXG prohibe a Alcoa facer calquera actuación que supoña a parada das cubas. Faino ao estimar en parte a pretensión de medidas cautelares solicitadas polos sindicatos CC.OO., CIG e UXT fronte á empresa.

Os maxistrados entenden que a empresa pode executar os despedimentos e deter a produción, pero debe manter as cubas activas por se o ERE fose nulo.

O TSXG informa, ademais, que rexeita calquera actuación por parte do Estado na planta porque a representación do Ministerio de Industria manifestou que consideraba “desproporcionada a administración ou intervención xudicial” da factoría de San Cibrao.

Unha decisión, a do Goberno español, que xerou un profundo malestar entre o persoal da factoría mariñá

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, dixo que após esta decisión da xustiza o que cómpre é que as Administracións "actúen", xa que a "solución" virá de "medidas no ámbito político e non no estrictamente xudicial". Lembrou que o BNG presentou unha proposición non de lei no Congreso para fixar un calendario de intervención da factoría.

CIG, CCOO e UXT presentaran a mediados de outubro na sala do social do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza un escrito de solicitude de medidas cautelares con carácter previo á interposición da demanda de despedimento colectivo proposta por Alcoa.

No escrito pedíase por parte das mencionadas centrais a “intervención ou administración xudiciais dos bens produtivos (…)”, asumíndose a intervención e administración "da planta de Aluminio pola  SEPI durante o que dure o proceso de impugnación de despedimento colectivo, ata que se dite Sentenza firme". 

Pedían tamén á xustiza que ordene á multinacional que se absteña "de executar os despedimentos individuais con respecto aos traballadores afectados polo despedimento colectivo e absterse, en consecuencia, de parar a produción de aluminio na fábrica e de levar a cabo calquera actuación dirixida a facer efectiva esta parada da fábrica e das cubas en concreto, en tanto non se dite Sentenza firme no proceso de despedimento colectivo".

Comentarios