Transportes estuda cobrar máis nas futuras peaxes das autovías aos vehículos máis contaminantes

introduce unha novidade no seu plan de peaxes que prexudica Galiza
A antigüidade media do parque móbil galego é de 13,7 anos (Foto: SyC).
photo_camera A antigüidade media do parque móbil galego é de 13,7 anos (Foto: SyC).

O Ministerio de Transportes, agora baixo a batuta de Raquel Sánchez, retoma o seu plan para estender as peaxes das autoestradas ás autovías. Esta medida, incluída dentro do plan que o Estado español remitiu a Bruxelas para poder acceder ás axudas comunitarias, xa fora adiantada polo seu antecesor no cargo, José Luis Ábalos, pero non se coñeceran até entón moitos máis detalles sobre como se ía artellar o sistema de pagamento.

"Precisamos recursos para poder manter uns estándares adecuados de calidade das nosas estradas", argumentou a ministra nunha recente comparecencia na que introduciu un criterio novo que se vai a ter en conta á hora de cobrar polo uso destas infraestruturas: a antigüidade dos vehículos.

"Temos que responder o criterio europeo de quen contamina paga, e como indicaba, contribuír á redución dos gases de efecto invernadoiro que se xeran", indicou a ministra sobre este novo criterio, que non é tanto económico (non se mira a renda nin a situación laboral ou económica da persoa usuaria), senón máis ben de carácter ambiental, na liña da política de redución de emisións no transporte que promove Bruxelas.

Dobre castigo

Neste aspecto, Galiza, xa de por si penalizada pola súa condición de territorio periférico, o que implica maiores distancias para levar persoas ou mercadorías a destino, veríase dobremente prexudicada, xa que ao custe por quilómetro de autovía habería que engadir o recargo medioambiental pola antigüidade dos vehículos.

Non é unha cuestión menor pois, segundo datos da patronal dos concesionarios de vehículos Faconauto, Galiza é, após Castela e León (con 13,8 anos de media) o territorio peninsular cun parque móbil máis avellentado.

Os vehículos que circulan pola Galiza teñen de media 13,7 anos de antigüidade, o que os deixa fóra do sistema de etiquetaxe da Dirección Xeral de Tráfico (DXT), que podería ser o criterio a empregar por Transportes para determinar o prezo que pagará cada vehículo polas peaxes nas autovías. 

A esta circunstancia súmase o feito de que Galiza é o territorio con menor penetración do vehículo eléctrico do Estado, aínda que conta cunha infraestrutura de puntos de recarga suficiente pero moi mellorábel.

O novo anuncio de Transportes podería ser un acicate para incrementar as vendas deste tipo de vehículos, subvencionadas agora co plan Moves III, que ofrece axudas de máis de 8.000 euros para a compra dun coche híbrido ou eléctrico a cambio de entregar un de máis de dez anos.

Porén, o plan do Ministerio non está fechado. Antes de aprobalo quere abrir un "diálogo transparente" con axentes sociais e Administracións mentres analiza cal é "a fórmula máis idónea" de impor este pago por uso, que, como apuntou Sánchez, estará baseada "nos principios de equidade territorial, seguridade viaria e sostibilidade ambiental". 

Ese principio de equidade territorial abre, pois, unha porta a esperanza para que Galiza poida ser compensada dalgún modo pola súa condición periférica, mais non pola antigüidade dun parque móbil que terá que renovarse ou pagar.

Comentarios