Análise

Transición enerxética en Euskadi

Colectivo Bidán: Quico da Silva e Fernando Branco.
Balance eléctrico entre Galiza e Euskadi correspondente ao ano 2023. (Gráfica: REE / Colectivo Bidán).
photo_camera Balance eléctrico entre Galiza e Euskadi correspondente ao ano 2023. (Gráfica: REE / Colectivo Bidán).

Van xa anos dende o primeiro artigo do Colectivo Bidán, e o que estades a ler ten algo diferente aos anteriores, tamén polo inesperado; é o primeiro artigo que publicamos sen as achegas, críticas, revisións e, sobre de todo, risas do noso compañeiro Manolo Cabarcos, coa experiencia dura de asumir e xestionar os silencios do baleiro. Mais de seguro que concordaría en facelo sobre a política enerxética en Euskadi, apaixonante para el polas contradicións que imos analizar.

A situación enerxética de Euskadi é claramente deficitaria, ten a máis grande dependencia no Estado, despois do caso paradigmático da insolidariedade do centralismo político irresponsábel en materia enerxética de Madrid; porén, Euskadi é unha potencia na cadea de valor das enerxías renovábeis, no que algo ten a ver o EVE (Ente Vasco da Enerxía) e os seus máis de 40 anos de vida.

Líder en tecnoloxía

Como referencia para unha comparación rápida, en termos de enerxía eléctrica, a demanda (2023) en Euskadi foi superior nun 15% á galega. No sector eólico Euskadi ten 160 MW cando na Galiza hai 3.907 MW e con algún parque en tramitación que por si só supera o total vasco; pola contra, nós apenas temos industria eólica, cando en Euskadi hai máis de 150 empresas, e, na mesma tecnoloxía, presentáronse 212 patentes (2006-2020) fronte ás 37 na Galiza. Nós temos o recurso, Euskadi a tecnoloxía... polo momento.

Calquera novo proxecto de enerxía eólica ou fotovoltaica superior aos 5 MW, deberá ofertar 20% da potencia total á cidadanía, industrias e comercios

Porque en novembro de 2022, EH Bildu presentou a súa Estratexia Enerxética Para unha transformación ecosocial en Euskal Herria, documento que, con moito rigor, supuña un cambio real na política enerxética da formación política e que, para nós, é o recoñecemento da necesidade de instalación de renovábeis no seu país. Na súa presentación pública, Arnaldo Otegi empezou dicindo que "a non alternativa, non é alternativa".

E xa en febreiro deste ano, vénse de aprobar a Lei de Transición Enerxética e Cambio Climático de Euskadi, co respaldo de PNV, PSE-EE e EH Bildu (62 dos 75 representantes na cámara vasca, 80% dos votos nas últimas eleccións vascas); por motivos diferentes, votaron en contra o PP-Cidadáns, Vox e Elkarrekin Podemos.

O texto constrúe toda unha arquitectura de participación pública no proceso de transición, marca obxectivos concretos para a xeración renovábel, especializa ao EVE en renovábeis ao obrigar a desinvestir en combustíbeis fósiles a máis tardar no 2030 e fixa 2,5% dos orzamentos vascos para a loita contra o cambio climático.

Beneficio social

Mais a decisión destacada e singular é no ámbito social, esquecido en toda a transición enerxética; calquera novo proxecto de enerxía eólica ou fotovoltaica superior aos 5 MW, deberá ofertar, como mínimo, un 20% da potencia total á cidadanía e ás industrias e comercios, prioritariamente no concello onde se instale a central de xeración renovábel, nos limítrofes, ou na comarca á que pertenzan. Nada a ver coa actual normativa galega do "interese público superior".

Para nós, pode ser a normativa actual máis avanzada na loita contra o cambio climático, na impulsión de renovábeis e, tamén, no retorno dos beneficios económicos para a cidadanía e os territorios exportadores netos de electricidade.

Con diferenzas, podemos comprobar que a procura dunha transición xusta é un camiño que concretan distintas administracións. O decreto de renovábeis do Goberno de Aragón impulsa, entre outras medidas, definir e favorecer o denominado quilómetro 0 no uso das renovábeis; tamén a Generalitat de Catalunya creou a empresa pública l'Energètica con fins semellantes. Porén, no caso galego, o actual anteproxecto de Lei de Promoción dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que utilizan os recursos naturais de Galiza non deixa de ser unha tomadura de pelo colectiva.

En clave galega

Mais debemos salientar como Colectivo Bidán que os avances legais, necesarios e moi positivos, que vimos de describir, aínda están lonxe do Decreto Eólico do BNG impulsado en 2007, nun contexto moi distinto en termos de conciencia do cambio climático, dependencia enerxética, retorno dos beneficios económicos da actividade de xeración eléctrica,  ou mesmo da necesidade da planificación e a xestión pública.

Por iso, sería positivo para o debate político enerxético galego facer unha re-lectura e actualización do Decreto 242/2007, para que, como enuncia a súa parte expositiva, o recurso actúe como un vector de desenvolvemento socioeconómico en sentido amplo, sobre de todo nos territorios de implantación, e do que resulte o progreso social, pero non só para as promotoras dos proxectos senón para o conxunto de Galiza, estreitando o vínculo entre enerxía e sociedade.

Comentarios