O tráfico na AP-9 crece un 4,7% en 2025 e Audasa incrementa o seu beneficio, mais canto pagan os condutores en peaxes?
O tráfico na autoestrada AP-9 aumentou un 4,7% en 2025 e a concesionaria, Audasa, incrementou o seu beneficio un 11,7%, até os 100,81 millóns de euros, segundo recolle o informe de auditoría remitido á Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV). O resultado antes de impostos alcanzou os 134,4 millóns (+11,67%).
Pola súa parte, Audasa destaca nun comunicado que a AP-9 rexistrou en 2025 unha intensidade media diaria de peaxe de 24.757 vehículos, un 4,7% máis que no ano anterior. Resalta que as contas reflicten unha cifra de negocio de 232 millóns de euros (un 12,2% máis respecto a 2024), dos que 228 millóns corresponden a ingresos por peaxes e 4 millóns a ingresos procedentes das sete áreas de servizo.
Dos 228 millóns de ingresos por peaxes, 97 millóns non son pagados polos condutores
De acordo cos datos da compañía, dos ingresos de peaxe da AP-9, o cliente medio abona un 57,6% e 42,4% restante está sufragado polas bonificacións do Goberno do Estado, os descontos que financia Autoestradas do Atlántico (10,4 millóns de euros) e polas peaxes en sombra. "En total, dos 228 millóns de ingresos por peaxes, 97 millóns non son pagados polos condutores", asegura.
Investimentos
A empresa realizou en 2025 investimentos por 11,2 millóns de euros "tanto en mellora e mantemento da infraestrutura como en investimentos medioambientais", segundo resalta.
Entre os investimentos de infraestrutura destaca as obras de mellora no firme da estrada ou as modernizacións dos viadutos de Portas, Solláns, Trasmañó e a renovación da pasarela de Elviña. Os investimentos medioambientais inclúen a xestión da vexetación na contorna da autoestrada con máis de 5 quilómetros cadrados e con 6.700 toneladas de vexetación tratada.
"Vínculo coa Galiza"
Ademais, Autoestradas do Atlántico reivindica que mantivo en 2025 o seu "vínculo coa Galiza" a través da súa rede de provedores e asegura que destinou 16 millóns de euros a compras a empresas locais, que concentran 79% do total, dentro dun tecido de 628 colaboradores.
A concesionaria da AP-9 elevou o seu persoal até os 320 profesionais nos períodos de maior actividade e superou as 6.200 horas de formación dirixidas ao seu persoal, segundo os seus números. Engade que as mulleres representan 50% do persoal e ocupan 43% dos postos directivos e mandos intermedios.
Liberación
A gratuidade da AP-9 é unha demanda que se mantén viva no tempo e que acompaña as reclamacións de transferencia ao Estado desde a Galiza. O pasado mes de marzo presentou unha iniciativa que reclama a súa liberación e denuncia "a continuidade do modelo actual". Co apoio da Unión de Consumidores da Galiza (Ucgal) urxen ao Goberno español "o traspaso, o rescate e a anulación das subas abusivas" desta autoestrada, porque a experiencia de territorios nos que se levou a cabo o rescate "demostra que existen alternativas".

