Sete voos atrasados en Compostela nunha nova xornada de folga polos dereitos do persoal de Ryanair

Os sindicatos acusaron a aerolínea de tentar "vulnerar" o dereito a folga.
O persoal acusa a compañía de "vulnerar" o dereito á folga. (Foto: Ryanair)
photo_camera O persoal acusa a compañía de "vulnerar" o dereito á folga. (Foto: Ryanair)

Seis voos foron cancelados e até 244 rexistraron atrasos —sete deles en Santiago de Compostela— esta segunda feira, con 28 atrasos en operacións desde o principal aeroporto da rede Madrid-Barajas na primeira das catro xornadas de folga desta semana por tripulantes de cabina de pasaxeiros (TCP), convocada polos sindicatos USO e Sitcpla.

Segundo informou USO, até as 19 horas desta xornada festiva na Galiza e en todo o Estado español rexistráronse dúas cancelacións con orixe desde Barcelona-El Prat, cuxo destino eran Milán Bérgamo e Roma Fiumicino; e outros dous voos que tiñan prevista a súa chegada ao aeroporto de Barcelona, desde as mesmas orixes destas dúas cidades italianas. Aliás, canceláronse outros dous con saída e chegada no aeroporto de Palma de Mallorca.

No que atinxe aos atrasos, afectan principalmente Palma, con 68 voos entre saídas e chegadas; seguida de Barcelona, con 41; Alacant, con 30; Málaga, con 28; Madrid, con 25; València, con 24; Eivissa, con 13; Santiago, con sete; Sevilla, con cinco, e Girona, con tres.

Entre os atrasos, houbo varios de máis de tres horas en Barcelona e Palma, e outros de máis de dúas horas en bases con pouca actividade, como Alacant, Santiago e Sevilla, detallou USO.

Reclamacións do persoal en folga

A folga principiou hai unha semana co obxectivo de que a aerolínea "sente a negociar" co persoal mobilizado, a fin de "recoñecer" os seus dereitos, que, din, hoxe non están garantidos.

Entre as súas reclamacións, o persoal pide que Ryanair cumpra a lexislación española xa que, segundo apuntou o sindicato, moitos dos empregados e empregadas non chegan a cobrar nin o salario mínimo interprofesional (SMI) e non teñen os dereitos laborais que se inclúen no Estatuto dos Traballadores.

Aliás, a pasada segunda feira, cando se iniciaron as protestas, desde os sindicatos cualificaron de "crebafolgas" a decisión da empresa de desprazar persoal desde outras bases, por exemplo Madrid, até Santiago para que leven a cabo o traballo das persoas que exercen o dereito á folga.

Comentarios