Telefónica rescata a Rato

O ex-presidente de Bankia, incorporarase ao consello asesor de Telefónica en Latinoamérica e Europa. A entidade fora privatizada polo ex-presidente José María Aznar e conta con varios 'populares' entre as súas filas.

Vice-presidente e ministro na época Aznar, Rodrigo Rato, entrará a tomar parte do Consello Asesor da empresa Telefónica segundo informan diversas fontes. Após demitir o pasado ano como presidente de Bankia --empresa receptora de millóns de fondos públicos polas súas débedas-- o tamén ex-director xerente do Fondo Monetario internacional incorporarase ao plantel da entidade que fora privatizada polo seu compañeiro de partido, José María Aznar --malia que o proceso fora iniciado con anterioridade polo socialista Felipe González.

Rodrigo Rato, pasará a percibir arredor de 100.000 euros anuais polas súas funcións como asesor para Telefónica Latinoamérica e Telefónica Europe, aínda que o seu soldo podería aumentar en función das dietas.

O nomeamento dunha das figuras máis polémicas do sector financeiro español como asesor dunha das empresas transnacionais máis potentes, supón un auténtico "rescate" para o político. En grande medida, polos estreitos lazos que unen ao seu partido coa telefónica.

Comentarios