O rural do século XXI, a debate

A Asociación Cultural Afonso Eanes bota a andar unha nova edición da Xornada do Rural Pousa Antelo. Trátase xa da quinta edición dunha xornada que organiza esta Asociación anualmente. Será o sábado 30 de novembro, na Baña.

Imaxe da IV Xornada do Rural Pousa Antelo
photo_camera Imaxe da IV Xornada do Rural Pousa Antelo

A V Xornada do Rural Pousa Antelo terá lugar no local social de San Mamede de Monte (A Baña) o sábado 30 de novembro. Trátase xa da quinta edición dun encontro que organiza anualmente a Asociación Cultural Afonso Eanes e que pretende divulgar aspectos relacionados co mundo rural, tanto desde o punto de vista técnico e económico coma desde un punto de vista social ou cultural. O encontro diríxese a todas aquelas persoas que estean interesadas nesta temática, mais especialmente ás veciñas e veciños que fan parte do rural da comarca de Barcala. As xornadas levan o nome de Avelino Pousa Antelo (Arzón, A Baña, 1914 - Teo, 2012), como unha forma de homenaxe a este destacado galeguista e agrarista de orixe barcalés, que traballou boa parte da súa vida en temas relacionados coa agricultura e o cooperativismo.

a xornada arranca coa palestra “Propostas para un rural do século XXI”, a cargo de María do Mar Pérez Fra, especialista nos procesos de cambio agrario

Nesta quinta edición poñerase o foco sobre temas variados co afán de dar resposta ás problemáticas que se viven hoxe en día no mundo rural galego: o despoboamento, o abandono, a xestión das terras ou a falta de alternativas produtivas, entre outras. Tamén contarán cun apartado especial dedicado á cuestión da enerxía eólica, un tema de actualidade na comarca de Barcala debido á oposición veciñal ao proxecto de implantación de novos parques eólicos. 

O rural galego, a debate

A programación da xornada arranca ás 10.30 horas coa palestra “Propostas para un rural do século XXI”, por María do Mar Pérez Fra, especialista nos procesos de cambio agrario, avaliación e deseño de políticas de desenvolvemento rural. A seguir, ás 11.45 horas, Xosé Antonio Meixide Fernández, enxeñeiro Técnico Agrícola e xefe de explotación no CFEA de Guísamo, falará sobre “Xestión e posta en valor de pequenas propiedades herdadas no rural”, e, Ana Ribeiro Currais, enxeñeira Técnica Agrícola, dará conta e explicará os “Conflitos e problemas do rural na nosa comarca”. Após a parada para o xantar, ás 16 horas, Francisco Javier Gómez Lemos, presidente de ASFONOR, achega unha palestra sobre “Iniciativas sostíbeis para o control da praga do Eucalipto”. Por último, féchase a xornada cun apartado sobre “Enerxía eólica e xustiza enerxética na Coruña: o caso da comarca de Barcala”, a cargo de María Montero e Xavier Simón, un tema de especial actualidade no concello da Baña, membros do Observatorio Eólico de Galiza. 

A produción de mel artesán ou a situación do sector forestal, temas tratados

En anteriores edicións debulláronse temáticas que van desde a situación do sector forestal galego, a actual Lei de Montes de Galiza, a construción con madeira, pasando polas dificultades e oportunidades da pequena explotación gandeira, a produción de mel artesán e leite ecolóxico, a nespra do castiñeiro, o cooperativismo galego, até a situación da muller no rural

A entrada é de balde e aberta a todas as persoas interesadas. Só será preciso inscribirse no caso de participar no xantar previsto, antes do 28 de novembro, por algunha das seguintes canles, ben no correo electrónico [email protected], ben no teléfono das organizadoras 627162939. 

Organiza: Asociación cultural Afonso Eanes coa colaboración da Asociación de veciños O Outeiro de San Mamede de Monte.

A ilustración do cartaz é de Tomás Cuesta.

Cartaz da V Xornada do Rural Pousa Antelo

Comentarios