T-Solar urxe á Xunta a mediar con posíbeis compradores no canto de se limitar a tentar 'ficar ben' ante a opinión pública

Os e as traballadoras de T-Solar solicitan unha reunión con carácter de urxencia co conselleiro de Industria ante a liquidación “inminente” da factoría. Lamentan que o goberno galego, un dos principais acredores, non mova ficha. “Non están a facer nada”.

O Goberno galego debe mediar con Isolux, outro dos acredores de T-Solar, e con SunFields, firma que “até o de agora” presentou a oferta “máis seria” por esta factoría ourensá. Esa é a demanda que traballadores de T-Solar fan á Xunta e que reflexan nun escrito presentado en San Caetano e no que piden unha xuntanza con carácter de urxencia do conselleiro de Industria, Francisco Conde.

Un dos voceiros d@s operari@s criticou que desde a Xunta se “esté a intentar enganar á opinión pública” en troques de se implicar en buscar “a viabilidade” para T-Solar. Após os 129 días de peche nas instalacións, representantes do plantel preguntan por que o goberno galego non se está a reunir con compradores interesados nesta planta. En concreto con SunField, da que din que hai ruxeruxes de que podería manter o cadro de persoal existente en T-Solar, 170 persoas. 

Comentarios