Stellantis rexistra dous proxectos ao Perte de vehículos eléctricos, un deles apoiado pola planta de Vigo

O grupo Stellantis (antiga PSA) ensambla en Vigo as baterías dos modelos eléctricos que se fabrican nas plantas españolas. (Foto: Stellantis)
O proxecto 'Aries' mobilizaría máis de 40 millóns de euros para, entre outras propostas, implantar un novo taller de baterías eléctricas na cidade olívica.

Stellantis vén de presentar dúas propostas ao Proxecto Estratéxico para a Recuperación e Transformación Económica do Vehículo Eléctrico e Conectado (Perte VEC) que mobilizarían 266 millóns de euros, segundo informou a compañía nun comunicado. Un deles estará apoiado polas plantas de Vigo e Madrid, con investimentos que roldarían os 43 millóns.

O de maior envergadura, o Proxecto Tesis (Transformación cara á Electromobilidade e a Sustentabilidade Industrial de Stellantis), encabezado pola factoría de Figueruelas (Zaragoza), suporá 223 millóns de euros de investimento.

Tesis, que reúne 23 socios tecnolóxicos e industriais situados en seis territorios do Estado español —46% deles empresas aragonesas—, divídese nun total de 41 proxectos primarios e céntrase no desenvolvemento das tecnoloxías para a fabricación de novos modelos con versións eléctricas en Stellantis a partir de 2023. Case 90% das empresas adheridas a este proxecto son pemes.

43 millóns de euros para Vigo e Madrid

Pola súa parte, o proxecto Aries (Automoción Reciclábel, Intelixente, Eléctrica e Sostíbel), apoiado polas fábricas de Vigo e Madrid, está asociado a investimentos por valor de 43 millóns de euros.

Aries divídese en 26 proxectos primarios que deben executarse antes do remate de 2025, seis deles liderados por Stellantis, como o impulso da nova xeración de vehículos eléctricos que se ensamblan nas factorías, a implantación dun novo taller de baterías en Vigo, a reutilización da auga industrial ou a redución do consumo de enerxía.

Desta iniciativa participan 25 entidades, 17 delas situadas na Galiza. Aliás, 72% das empresas adheridas son pemes, que asumen 40% do orzamento e optan por 55% das axudas solicitadas. E, das entidades participantes no proxecto Aries, nove son organismos de investigación e provedores de tecnoloxía e coñecemento.

O ERTE, en suspenso

Este anuncio prodúcese logo de que na pasada sexta feira quedase suspendido o xuízo polo ERTE de Stellantis en 2022, xa que aínda non hai sentenza sobre o de 2021. A CUT sinalou que se trata dunha "medida discriminatoria" con algúns colectivos de traballadores.

"O que se tenta é evitar o control de horas e o rexistro de xornada, para evitar que sexan declarados traballadores en fraude de lei os que fan unha xornada igual ou comparábel aos de tempo completo", matizou.