Vigo

Suspéndese o xuízo pola impugnación do ERTE de Stellantis

Os xulgados de Vigo decidiron suspender a vista dado que tamén foi impugnado o ERTE da compañía en 2021 e aínda non hai sentenza.
Representantes da CUT en Stellantis, esta sexta feira, ás portas dos Xulgados de Vigo. (Foto Europa Press)
photo_camera Representantes da CUT en Stellantis, esta sexta feira, ás portas dos Xulgados de Vigo. (Foto: Europa Press)

O xulgado do Social 4 de Vigo decidiu suspender a vista sinalada para esta sexta feira pola impugnación do ERTE de 2022 na planta de Stellantis, promovida polo sindicato CUT, en vista de que tamén foi impugnado o ERTE do pasado ano e aínda non hai sentenza.

O portavoz da CUT na planta de automoción viguesa, Vítor Mariño, explicou a Europa Press que a razón que os levou a impugnar o ERTE —asinado pola empresa e os sindicatos SIT, CCOO e UXT— é que se trata dunha "medida discriminatoria" con algúns colectivos de traballadores.

A respecto diso, explicou que ficarían fóra da regulación os traballadores eventuais e, aínda que esta vez si se incluían os indefinidos a tempo parcial, "obrígase a habilitarlles unha bolsa de horas".

"O que se tenta é evitar o control de horas e o rexistro de xornada, para evitar que sexan declarados traballadores en fraude de lei os que fan unha xornada igual ou comparábel aos de tempo completo", matizou.

Así, subliñou que Stellantis é un grupo "con millóns e millóns de beneficios", o que provoca "máis precariedade e incerteza".

Mariño insistiu en que "tampouco hai criterios claros e definidos para o resto de traballadores", o que se pon de manifesto coas paradas periódicas por falta de chips.

"Hai traballadores que quedan na casa e ven como os seus postos son cubertos por outras persoas", salientou, e apuntou que esta situación prexudica especialmente os empregados máis "vulnerábeis", os que teñen limitacións ou medidas de conciliación.

Comentarios