A solvencia de Abanca á cola do sistema financeiro do Estado

A Autoridade Bancaria Europea, EBA polas súas siglas en inglés, acaba de facer públicos os datos de solvencia do sistema financeiro na Unión Europea. Os resultados non son positivos para Abanca.

Unha oficina de Abanca en Compostela (Nós Diario)
photo_camera Unha oficina de Abanca en Compostela (Nós Diario)

O últimos exercicio de transparencia da  Autoridade Bancaria Europea sitúa a Abanca cunha ratio de capital CET1 fully leaded de 12%. As cifras refírense a anualidade de 2022 e elaboráronse con datos recollidos na última metade de 2021.

A  ratio de capital CET1 é o indicador de referencia para medir a fortaleza financeira dunha entidade de crédito. O mesmo fíxase marcando uns niveis mínimos de capital en función dos riscos de cada entidade.

Informe da EBA

A solvencia dun banco é maior canta máis elevada sexa a ratio de capital CET1. Así, aquelas entidades que presentan mellores rexistros ofrecen máis garantías aos seus clientes e teñen máis posibilidades de non verse afectadas  por circunstancias adversas.

Abanca só supera en solvencia no Estado a Bankiter, que rexistra unha ratio de capital CET1 de 11,7%. Ao tempo, a entidade propiedade do grupo venezolano Banesco, presenta un solvencia de 12%,  0,3 puntos inferior á media do Estado e 3 puntos inferior á media das entidades da Unión Europea.

A primeira entidade do Estado en solvencia é a vasca Kutxabank, cunha ratio de capital CET1 de 16,6%. A continuación colócase Cajamar con 13,0, Unicaja con 12,8%, BBVA con 12,5%, Ibercaja con 12,4% e Sabadell con 12,3%.

Caixabank cunha ratio de capital CET1 de 12,2% , Santander con 12,1%, Abanca con 12% e Bankiter con 11,7% ocupan os postos de cola nesta listaxe sobre solvencia bancaria elaborado pola EBA.

Os peores niveis de solvencia da UE

As entidades de crédito do Estado español rexistran os peores niveis de solvencia da UE. Concretamente as súas cifras están moi por baixo da media comunitaria pero tamén da banca alemá cunha ratio de capital CET1 de 15,2%, da francesa con 15,2% e da italiana con 14,3%.

Os datos achegados pola Autoridade Bancaria Europea son moi preocupantes para Galiza. Só, Abanca e Santander concentran 71,1% dos depósitos galegos, sendo as entidades con máis cota de mercado no país. 

Abanca é a primeira entidade da Galiza  en depósitos, oficinas e número de clientes. Segundo as cifras do regulador bancario estatal, controlan 42,3% dos depósitos no país e 34,4% dos créditos, posuíndo perto de 437 sucursais repartidas en todo o territorio galego.

Comentarios