A xunta ordinaria de accionistas de EiDF, empresa de enerxía solar que até o de agora tiña a súa sede na Galiza, apoiou esta sexta feira as contas anuais, tanto individuais como consolidadas, de 2022, publicadas o pasado mes de agosto polo grupo, así como a xestión do consello de administración realizada durante o exercicio.
Ademais, deu o seu visto e prace ao traslado da sede social do grupo a Madrid, nunha xornada na que a firma perdeu 10,82% máis da súa cotización, caendo as súas accións até 4,70 euros, 57 céntimos menos que na xornada anterior.
Desta maneira, a empresa, que acumula unha perda de máis de 84% do seu valor desde a súa volta ao parqué bolsista o pasado 28 de agosto (despois de estar máis de catro meses suspendida de cotización), abandonará a Galiza para levar o seu domicilio social á Comunidade de Madrid, onde xa ten oficinas.
Retribucións
O presidente e tamén fundador de EiDF, Fernando Romero, percibirá unha retribución fixa de 200.000 euros anuais, así como unha cantidade variábel de até 160.000 euros sobre obxectivos de desempeño da empresa e outro emolumento de até 50.000 euros en obxectivos por capitalización bolsista.
Ademais, o presidente de EiDF contará cun plan de pensións por importe anual de 20.000 euros, vehículo, tarxeta de gastos laborais e gastos de desprazamentos laborais. Todo isto a pesar de que a Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV) solicitou a EiDF o relevo de Romero como conselleiro delegado, función que xa non exercerá na empresa.
Desta maneira, apoiouse a proposta de contratar un conselleiro delegado "con contrato de alta dirección e condicións expresamente pactadas no citado contrato", segundo quedou rexistrado nos estatutos da empresa.
Por outra parte, tamén se deu luz verde polos accionistas da compañía de enerxía solar a unha retribución para o presente exercicio e seguintes para o consello de administración que ascenderá a un custo de 442.000 euros.
Finalmente, José María Covelo Fernández, pertencente ao departamento xurídico de EiDF, dirixirá o Comité de Cumprimento Normativo, unha función na que o acompañará o director comercial da compañía, David Pintos.