O sector da castaña alerta dunha forte caída na produción, xa de por si baixa

O Sindicato Labrego reclama a Medio Rural axudas para frear a crise nos soutos galegos
A produción de castañas caeu de forma considerábel nos últimos anos (Foto: Carlos Castro / Europa Press).
photo_camera A produción de castañas caeu de forma considerábel nos últimos anos (Foto: Carlos Castro / Europa Press).

Os soutos galegos están a vivir a súa peor crise en décadas. A produción de castañas cae en picado ano tras ano mentres as Administracións responsábeis, como a Consellaría de Medio Rural, miran para outro lado. 

Ao igual que acontece noutros sectores, 2020 non pinta nada ben no sector, que prevé unha caída media da produción próxima a 50% con respecto aos datos de 2019, xa de por si malos. As causas, á marxe da Covid-19, son a crecente incidencia dos ataques da Dryocosmus kuriphilus, a vespa do castiñeiro, a seca xeneralizada e as inclemencias do tempo ─especialmente a saraiba─ que arrasaron colleitas enteiras, ademais dunha alta incidencia do chancro (Cryphonectria parasitica). 

Para o Sindicato Labrego Galego, a raíz da crise na que se está a afundir o sector da castaña é o abandono por parte das institucións responsábeis "dun patrimonio de valor incalculábel que forma parte da nosa cultura como pobo e que, no eido económico, xera riqueza no rural cuns ingresos anuais ao redor dos 200 millóns de euros nun ano de colleita normal. Ademais, non podemos esquecer o papel indispensábel deste sector á hora de manter coidado e limpo o monte, algo esencial na prevención de lumes e na xestión do territorio", engaden desde o sindicato.

Impacto da Covid-19

O sector tampouco é alleo á crise da Covid, xa que ten na hostalaría unha das súas canles principais de comercialización, sobre todo para a repostaría. Neste senso, desde o Sindicato Labrego informan de que as empresas e cooperativas están a ter "serias dificultades" para colocar o produto no mercado pese a súa escaseza. Isto estase a traducir nunha caída de prezos e na ruptura da cadea comercial xa que, como denuncian, as cooperativas e empresas que habitualmente mercan castaña a particulares deixaron de facelo ou diminuíron considerabelmente as súas adquisicións, o que vai provocar que moitas economías familiares no rural se vexan privadas destes ingresos.

Estes colectivos non contan na actualidade con ningún tipo de axuda para paliar os danos provocados polas inclemencias meteorolóxicas no sector nin para compensar a caída da produción.

Liña de axudas específica

Como lembran desde o sindicato, levan desde 2017 denunciando a "pachorra" coa que a Consellaría de Medio Rural que dirixe Xosé González afronta "a maior crise que están a vivir os nosos soutos en décadas". 

Ante esta dramática realidade, volven instar a Consellaría a que, diante da actual situación de excepcionalidade na que se atopan as persoas produtoras, transformadoras e comercializadoras de castaña na Galiza, convoque unha liña de axudas para paliar "as enormes perdas" sufridas na última campaña que chegue a toda a cadea de produción e comercialización. Ademais, emprazan a Medio Rural a adoptar un compromiso para reforzar o sector con políticas activas e suficientemente dotadas de recursos que garantan un estado sanitario óptimo dos nosos soutos e, en especial, para enfrontar con garantías a loita contra a avespa do castiñeiro.

Comentarios