O sector da planta ornamental agrava a súa situación polo fechamento perimetral das cidades

Máis de 180 viveiros de planta ornamental estiveron pendentes de recuperar as perdas que acumulan desde o mes de marzo esta fin de semana polo Día de Defuntos. A decisión da Xunta da Galiza de non permitir os desprazamentos das cidades aos cemiterios do rural aumentou a incerteza no seu futuro.
As floristas das cidades traballaban arreo onte horas antes do anuncio de fechamento perimetral (Riobó Prada)
photo_camera As floristas das cidades traballaban arreo onte horas antes do anuncio de fechamento perimetral (Riobó Prada)

O sector da planta ornamental é un dos que máis medrou no rural galego nos últimos anos, con máis de 180 viveiros en funcionamento que dan traballo, de maneira directa, a unhas 1.500 persoas. A pandemia da Covid-19 e as medidas sanitarias que se aprobaron desde o seu inicio no mes de marzo causáronlles importantes perdas polo propio sistema de produción que se emprega na Galiza.

Santiago Ramos, técnico da asociación de Viveiristas Asvinor, fala de grande "incerteza" no seu futuro. "Agora teriamos que estar preparando os cultivos das primaveras de 2021 e 2022", explica a Nós Diario, “e neste intre non saben que facer, aínda que se non producen o sector morre”, engade.    

Axudas insuficientes

Desde Asvinor solicitaron axudas ao Goberno español e ao galego cando se decretou o confinamento no mes de marzo. "O Ministerio sacou unha liña de axudas por valor de 10,4 millóns de euros para todo o Estado español, cun máximo de 20.000 euros por explotación para destrución de plantas" sinala Ramos, "cando temos na Galiza viveiros que tiveron gastos de máis de 150.000 euros por ese concepto", asegura.

Desde Asvinor tamén solicitaran á Xunta da Galiza que houbese axudas para a destrución de planta e facturación. "Ao final, por normativa europea, foron para manter en funcionamento o sector", relata o xerente de Asvinor. 

Fechamento perimetral no Día de Defuntos

Segundo Asvinor, algo de planta tivo saída estes días co motivo da celebración do Día de Defuntos, "aínda que moita xente agardou saber se podería  ir aos cemiterios". Agora, coa decisión do Goberno galego do fechamento perimetral de todas as cidades e das súas áreas metropolitanas, aseguran que haberá "unha baixada marcada das vendas con respecto a anos anteriores". 

A situación é "dramática", en opinión de José Ramón González, responsábel de agricultura e produción extensiva de UUAA. Desde esta organización teñen claro que as axudas anunciadas "son insuficientes". González indica a Nós Diario que "habería que facer un esforzo importante" e a cantidade de 3 millóns de euros anunciada por Medio Rural é "insuficiente". 

En Ferrol, a cooperativa Agroflor perdeu máis de 100 mil euros por non aproveitar as datas importantes en que máis se venden flores, mais agardaban recuperar unha parte da produción para esta fin de semana co Día de Defuntos. Lucía Iglesias, da cooperativa Agroflor, relata como mudou a situación nunhas horas cando se soubo do anuncio de fechamento das cidades.

"Estabamos con moita xente na tenda, mesmo con persoal para limitar a ocupación, cunha gran cantidade de encargas preparadas e nuns minutos deixou de vir a clientela e comezaron as cancelacións", explica a Nós Diario, "é como se agora non tivesemos aberto", engade. Un dos seus mellores compradores é unha gran superficie comercial e desde a súa xerencia chamaron para anular demandas asegurando que, no mesmo momento de saberse a nova da restrición de movementos, as persoas que levaban flores nos carros optaron por devolvelas.

Desde a cooperativa pensaban vender ao redor de 20% menos que noutras campañas, mais agora, após as novas restricións perimetrais, contan con que as cifras sexan peores. "Nós non cremos que teñamos ninún tipo de axuda", sentenza. 

Comentarios