Salarios baixos, produtividade e fuga de cerebros: principais debilidades da economía galega malia o seu crecemento
O Foro Económico de Galicia presenta in novo informe de conxuntura socioeconómica.
A economía galega presntou un "bo dato" de crecemento en 2024, con incrementos de 2,9% no terceiro e cuarto trimestre do ano, pero aínda presenta debilidades como os salarios baixos, o escaso aumento da produtividade e a fuga de cerebros.
Así o explicou o coordinador do informe de conxuntura socioeconómica do Foro Económico de Galicia, Fernando González Laxe, esta terza, quen sinalou o momento como unha "oportunidade" para subir soldos. Xunto ao economista e ex presidente da Xunta, o director de Foro Económico, Santiago Lago, tamén chamou a aproveitar o actual escenario para acometer reformas.
"A economía española e a galega van moi ben, son unha illa de crecemento en Europa", destacou Lago, quen lamenta, con todo, o "moi baixo impulso reformista" e, entre outras cuestións, a "incapacidade para ter orzamentos xerais do Estado".
Nun ambiente de "inercia" para a política económica, o director de Foro considerou "sorprendente que non teña factura económica" o feito de que a "fragmentación política non permita que se aproben grandes medidas no Congreso". En calquera caso, avisou de que "non todo é positivo" e "hai elementos que poden ir mellor", por exemplo o mercado da vivenda, onde "algo está a fallar".
Poboación en declive
Pola súa parte, Laxe resaltou que "chama a atención a continuidade" do crecemento do produto interior bruto (PIB) galego e explicou que son consumo público e investimento privado os que tiran desta evolución, xunto a un sector exterior que "continúa contribuíndo".
En paralelo, valorou que hai "un freo ao declive demográfico", debido non á taxa de natalidade senón á inmigración. Así, Galiza "non é un país de emigración, senón de inmigración", pero si sofre "fuga de cerebros".
Sectores en alza
Nesta análise, sinalou a alza da construción e da industria manufactureira, como o do sector primario, que crece tras tempo de "reestruturación e axuste". Comercio, transporte e hostalería tamén rexistran un resultado positivo, segundo apuntou.
Facendo a comparativa con 2019, observou que soben o sector industrial, o comercio e as administracións públicas, de forma que "pouquiño a pouco vaise cambiando a estrutura produtiva" da Galiza.
Con todo, lamentou que a produtividade crece "moi pouquiño" e á economía galega "cústalle moito xerar emprego". As exportacións aumentan baseadas en: dotación de recursos naturais, creatividade/loxística, produtividade e enclaves, aínda que tamén polo custo salarial/laboral "baixo" da comunidade, en comparación con outros lugares.
Polo que se refire ao mercado laboral, o economista José Francisco Armesto indicou que 2024 foi un ano "bo", con "mellora da calidade do emprego", pero o crecemento foi "inferior" ao exercicio anterior, cunha "retardación" na caída do paro.
Aranceis
Preguntados polos aranceis, tras unha breve mención na exposición inicial, Fernando González Laxe puxo o foco sobre o sector do viño galego, polo que ten de "imaxe de marca dun territorio".
Pola "cotización alta" e a "boa cota de mercado" que ten nos Estados Unidos, a "especie de guerra comercial" que "se avista" provoca "incerteza e temor" neste sector, o que leva a Foro Económico de Galicia a pensar en elaborar un informe sobre esta "sensibilidade".
Altri
Por último, e a preguntas sobre o futuro de Altri na comarca da Ulloa, o director do Foro Económico de Galicia, Santiago Lago, dixo que ve "complicado" que a pasteira lusa consiga os fondos públicos que pide para levar adiante unha planta en Palas de Rei.
Unha vez aprobada a declaración de impacto ambiental, Lago constatou que "a clave vai estar no financiamento" e neses 250 millóns de euros de axudas aos que aspira a compañía. Desde un punto de vista analítico, resaltou que "é moito diñeiro" o que solicita e indicou que "non hai proxectos –ou polo menos el non os coñece– que estean a recibir ese diñeiro, excepto" os públicos.
Por outro lado, referiuse á "oposición moi intensa" que expoñen á factoría de Palas de Rei tanto "socios de goberno" –o BNG– como "un dos partidos da coalición" –Sumar–. "O contexto non é moi favorábel para alcanzar ese financiamento", subliñou. Neste sentido, reiterou que "son cifras moi grandes" e "unha parte non está polo labor" de conceder estas subvencións, polo que o ve "complicado".