Os salarios de 368.557 galegos e galegas estiveron por baixo do SMI en 2023

Os datos da Axencia Tributaria e divulgados onte no informe do Instituto Galego de Estatística confirman o avance da concentración da riqueza e do aumento da desigualdade na Galiza, onde os salarios continúan por baixo da media estatal malia liderar nos últimos tres anos as alzas salariais.

cig
Francisco Sío e Paulo Carril presentando o relatorio da CIG sobre os salarios, esta sexta feira. (Foto: Nós Diario)

O Instituto Galego de Estatístico (IGE) presentou onte o seu tradicional Estudo salarios. Salarios nas fontes tributarias. O relatorio, elaborado conforme aos datos procedentes da estatística do  Mercado de traballo e pensións nas fontes tributarias, elaborada pola Axencia Tributaria, certifica a fenda salarial entre Galiza e o Estado. Na mesma dirección, a Confederación Intersindical Galega (CIG) divulgou onte un informe onde desvela que as retribucións dos asalariados e das asalariadas galegas están 15% por baixo das percibidas na Comunidade de Madrid.

A fenda salarial entre Galiza e o Estado continúa aberta. Malia que a setembro de 2024 Galiza volvía situarse por terceiro ano consecutivo como o territorio do Estado onde máis medraban os salarios, a diverxencia mantíñase coa media estatal. Nesta dirección, tomando como referencia os datos da Axencia Tributaria, o salario medio anual situouse na Galiza en 23.252 euros brutos, alcanzando no conxunto do Estado 23.918 euros. A este respecto, Madrid aparece como a  comunidade cos ingresos medios por traballador e traballadora máis elevados, 28,6% superior á media do Estado.

As cifras achegadas pola Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT) para 2023, as últimas publicadas, sinalan que nese ano as retribución salariais de 368.557 traballadores e traballadoras galegas estiveron por baixo do salario mínimo interprofesional (SMI), situado en 2023 en 15.120 euros anuais, divididos en 14 pagas mensuais de 1.080 euros. Nesta liña, os datos derivados da Estatística do mercado de traballo e pensións nas fontes tributarias certifican un incremento das persoas nesa casuística de 9.768, o que representa unha alza porcentual de catro décimas en relación a 2022.     

O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, que compareceu onte nunha rolda de prensa acompañado polo secretario de Emprego e Negociación Colectiva do sindicato nacionalista, Francisco Sío, ligou esta situación á temporalidade e á parcialidade existente no mercado laboral galego. Neste sentido, explicou que “tres anos despois da aprobación da reforma laboral os datos da Axencia Tributaria dan unha diferenza de 3.631 euros entre os ingresos reais e o salario do convenio na clase traballadora galega”.

Carril apuntou que 17,3% das persoas asalariadas están contratadas a tempo parcial. Neste punto, denunciou que “se está a producir unha aceleración nos contratos a tempo parcial, actualmente son 115.600 as persoas afiliadas á seguridade social con contrato indefinido, transmitindo un falso éxito nas políticas de contratación e para agochar a precariedade”. Nesa dirección, alertou de “contratos inferiores a 10 horas semanais, pero realizando xornadas completas e percibindo salarios inferiores ao SMI”, advertindo de que “nestes sectores concéntrase a precariedade e a pobreza extrema”.

Concentración da riqueza

Os relatorios divulgados pola CIG e o IGE, tomando como referencia os datos da AEAT, debuxan un proceso de concentración da riqueza nas rendas máis altas e de aumento da desigualdade social. Nesta orientación, o sindicato nacionalista afirma que “1% da poboación galega máis rica concentra tres veces máis riqueza que o 50% máis pobre”, téndose incrementado “nos últimos catro anos os beneficios empresariais na Galiza en máis de 13%”. Ao tempo, o poder adquisitivo dos asalariados e das asalariadas galegas está por baixo dos niveis do ano 2009.

O informe do IGE destaca que “34% dos traballadores e das traballadoras galegas cos salarios máis baixos perciben 11% da masa salarial total” e 76,2% dos asalariados con menos ingresos reciben 49,9% dos salarios. Pola súa parte, “8,9% das persoas asalariadas” coas retribucións máis elevadas “reciben  26,5% da masa salarial”. Neste sentido, o instituto público lembra que as rendas do traballo rexistraron un novo récord negativo en 2023, ao representar 43,9% do produto interior bruto (PIB) fronte ao 56,1% das do capital. Ao tempo, os ingresos medios brutos de 16,7% das persoas asalariadas na Galiza situáronse de media en 3.223 euros brutos anuais.

Desigualdade

A relación entre as rendas do capital e do traballo é o principal indicador para medir as desigualdades sociais. A este respecto, Thomas Piketty no seu volume O capital no século XXI, escribe que “o aumento sostido na participación das rendas do capital no PIB permite explicar en gran medida o pronunciado aumento da desigualdade na distribución persoal da renda do mercado (antes de impostos e gasto público) que se observa na maioría dos países nas últimas décadas”. A este respecto, en 2023 as rendas do traballo galegas estiveron 3,9 puntos por baixo da media estatal e 4,7 puntos por baixo da media comunitaria.

A xornada laboral na Galiza é de 1.757 horas ao ano

A xornada laboral pactada na Galiza no terceiro trimestre de 2024 é de 1.757 horas anuais, a razón de 1.760 para os convenios de sector e de 1.719 para os convenios de empresa. O acordo asinado onte pola Unión Xeral de Traballadores (UXT) e Comisións Obreiras (CCOO) coa ministra de Traballo, Yolanda Díaz, no caso de ir adiante, deixaría os tempos de traballo moi por arriba da media dos Estados da Unión Europea (UE). A mesma en Alemaña é de 1.341 horas anuais e en Francia de 1.478 horas.

O pacto presentado onte por Yolanda Díaz e polos secretarios xerais de UXT, Pepe Álvarez, e de CCOO, Unai Sordo, estabelece a redución da xornada laboral a 37,5 horas en 2025 sen redución salarial; a posta en marcha dun rexistro horario controlado pola Inspección do Traballo, que permita controlar as irregularidades nas horas extras das diversas empresas; e a regulación do denominado dereito á desconexión dixital, para posibilitar a conciliación e evitar a fraude no teletraballo.

Os termos do acordo

Díaz presentou o acordo como “ un avance civilizatorio que fai progresar o noso país”. Nesta dirección, afirmou que “hoxe, unha vez máis, escribimos unha nova páxina no libro das grandes conquistas laborais do noso país e créanme que esta é unha gran conquista laboral que se vai estudar en todas as universidades do mundo. Propuxémonos loitar contra a precariedade laboral na lexislatura pasada e conseguímolo”.

A ministra de Traballo asegurou: “Dixéronnos que era imposíbel reducir a xornada laboral e aquí estamos, ímolo facer". Nesta dirección, indicou que se “acabou neste país que en materia de xornada teñamos traballadores de primeira e de segunda" e asegurou que a norma saíu a sexta feira a consulta pública "para que se aprobe canto antes no Congreso e no Senado" co obxectivo de que entre en vigor "antes de acabar o ano 2025”.

A proposta anunciada onte ten un difícil camiño por diante. Primeiramente dentro do Executivo do Estado, onde non conta neste momento co apoio do PSOE, que aposta por adiar a súa aplicación até 2026 e defende unha redución salarial para as persoas contratadas a tempo parcial. Na mesma dirección, a póla socialista do Goberno do Estado maniféstase por unha regulación diferente do rexistro de horas extraordinarias.

O acordo asinado polo Ministerio de Traballo e UXT e CCOO non ten tampouco garantida unha maioría parlamentaria. Neste sentido, dáse por seguro o voto negativo do Partido Popular e Vox ao proxecto e non ten asegurado o apoio do Partido Nacionalista Vasco (PNV) e de Junts, cuxo voto semella necesario para non saír derrotada da Cámara Baixa.

O secretario xeral de CCOO, Unai Sordo, recoñeceu estas dificultades, asegurando que "somos conscientes de que é probábel que o texto sufra modificacións e faremos un seguimento exhaustivo, somos conscientes de que a CEOE tamén vai xogar o seu papel”. Pola súa banda, o líder da UXT, Pepe Álvarez, reclamou "rigorosidade" no debate e nas negociacións parlamentarias e no interior do Executivo de Pedro Sánchez.

O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, considerou, onte, “insuficiente” a proposta e defendeu unha xornada laboral de 35 horas “co obxectivo de camiñar cara á xornada semanal de catro días”. Na mesma dirección, o secretario de Emprego e Negociación Colectiva do sindicato, Francisco Sío, explicou “que os procesos de robotización, dixitalización e o propio teletraballo fan que a taxa de paro do Estado español sexa das máis altas da Unión Europea”.

Sío avanzou que a redución da xornada laboral “é a única forma de que poidamos manter os niveis de emprego e incluso baixalos ante a nova perspectiva que vén no mercado laboral". Nesta orientación, asegurou que “unha xornada laboral máis curta é unha medida de xustiza social que distribuiría o traballo remunerado de forma máis homoxénea entre as persoas que non teñen emprego e as que acumulan demasiadas horas de traballo diario”.

As elevadas xornadas laborais

A Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económico (OCDE) ten vinculado a baixa produtividade no Estado español coas elevadas xornadas laborais. A este respecto, sinalou en 2019 que “as persoas asalariadas traballan de media no Estado español 1.686 horas anuais cunha produtividade media da economía de 48 euros á hora”, mentres en Alemaña, con “1.386 horas traballadas de media, a produtividade é de 61 euros á hora”.

Comentarios