Queiman facturas de Endesa nas Pontes en rexeitamento do novo convenio da compañía
Máis dun cento de traballadores da empresa Endesa, tanto de persoal activo como pasivo, concentráronse no mediodía desta quinta feira, 24 de novembro, perante o Concello das Pontes de García Rodríguez, para mostrar o seu rexeitamento á aplicación do V Convenio colectivo da compañía no tocante a beneficios sociais, como a tarifa eléctrica, onde, ademais, realizaron unha queima simbólica das súas facturas.
Dita mobilización estivo convocada polos sindicatos CIG, CC.OO. e Sindicato Independente de Enerxía (SIE) e a Asociación de Prexubilados de Endesa nas Pontes (APREN).
Segundo asegurou o responsábel de Enerxía de CIG, Fernando Blanco Parga, esta concentración "responde a unha agresión do novo convenio colectivo asinado en exclusiva por UXT, sen consultar os traballadores para a súa opinión" e no cal, denunciou os operarios de Endesa "perden os beneficios sociais".
Así, detallou que este marco regulador significou "a perda do 100% das axudas para estudos e outros foron claramente minorizados como a tarifa eléctrica", o que lle levou a trasladar que este convenio "significa unha importante perda de poder adquisitivo para os traballadores e pasivos, ademais dunha perda económica para a vila das Pontes e os concellos da contorna".
Blanco Parga manifestou que "a propia empresa recoñeceu que gañara 515 millóns de euros dos dereitos dos traballadores e que se levou para Italia, para Enel". Por iso, engadiu, os traballadores van continuar " dando a batalla, tanto no campo xurídico, con algunhas sentenzas favorables, como no campo social, con máis mobilizacións".