A central de Magtel pon en risco un proxecto de 750 empregos nas Pontes

Augas da Galiza vén de outorgar á empresa andaluza Magtel a concesión do lago das Pontes para erguer unha central hidroeléctrica reversíbel. O proxecto localízase nos terreos onde a compañía chinesa Sentury ten previsto instalar unha fábrica de rodas que prevé crear 750 empregos na localidade. A instalación enerxética pon en risco a continuidade deste proxecto industrial.

A proba será na lagoa artificial das Pontes (Foto: Manolo Feal).
photo_camera O proxecto de central hidroeléctrica reversíbel proxectada pola empresa andaluza Magtel empregaría a lagoa artificial das Pontes. (Foto: Manolo Feal)

A central hidroeléctrica reversíbel autorizada nas Pontes por Augas da Galiza -organismo dependente da Consellaría de Infraestruturas da Xunta- a Magtel conta cunha potencia instalada de 250 megawatts. O proxecto recolle un investimento de case 264 millóns de euros, cun prazo de execución de 48 meses e unha capacidade de almacenamento de enerxía de 3.907 megawatts/hora.

A proposta aspira a recibir axudas públicas a cargo de 9.500 millóns de euros do Perte (Proxectos estratéxicos para a recuperación e transformación económica) de enerxías renovábeis, hidróxeno renovábel e almacenamento impulsado polo Goberno do Estado, con fondos procedentes do programa Next Generation.

A proposta de Sentury nas Pontes

O emprazamento previsto pola empresa andaluza para a súa central hidroeléctrica reversíbel choca coa proposta da empresa Sentury, promotora dunha factoría de rodas nas Pontes. O proxecto da compañía chinesa, declarado estratéxico pola Xunta da Galiza, prevé crear 750 empregos directos na localidade, situando as súas instalacións nas proximidades do lago das Pontes, concretamente nuns terreos da antiga Endesa, onde Magtel propón agora levantar a central do seu complexo enerxético.

O proxecto de Magtel carece de liñas de evacuación para a electricidade xerada. Neste sentido, a compañía sinala no proxecto da central que “a única opción posíbel será evacuar a enerxía na subestación das Pontes de 400 quilowatts”. Porén, desde Rede Eléctrica Española (REE) veñen indicando nos últimos meses que unha vez clausurada definitivamente a central térmica, a subestación das Pontes non disporá de capacidade de evacuación. A este respecto, as forzas políticas e sindicais denuncian o cambio de postura de REE e dubidan da legalidade da decisión adoptada pola empresa pública.

O proxecto de Reganosa e EDP

A concesión a Magtel do aproveitamento enerxético do lago das Pontes deixa Reganosa sen posibilidades de desenvolver un proxecto análogo na localidade. A compañía galega, en parcería con EDP, prevía “situar un almacenamento enerxético cunha potencia instalada de xeración de 570 megawatts”. Segundo a proposta, “este almacenamento consistirá nunha central hidroeléctrica de bombeo que empregará como depósito inferior o propio lago e, como superior, un novo encoro que permitirá unha mellor xestión do sistema eléctrico”.

Neste caso, a instalación estaba asociada a un proxecto que tamén inclúe unha planta de hidróxeno de 100 megawatts e novas dotacións eólicas cunha capacidade de xeración de 270 megawatts. Magtel está presente desde hai anos no negocio enerxético galego. Concretamente, ten solicitado autorización para erguer unha central hidroeléctrica reversíbel cunha potencia de 160 megawatts ao carón dos encoros de Prada e Santa Eulalia, situados nos concellos da Veiga e do Bolo, respectivamente.

A obra implica, en palabras da asociación ecoloxista Adega, “furar o Macizo central” nun “territorio incluído na proposta de ampliación da Rede Natura que comezou a tramitar a Xunta no ano 2008” e “a apertura de quilómetros de pistas, canteiras e vertedoiros, alén da correspondente liña de evacuación eléctrica”.

A mina sevillana de Aznalcóllar

A compañía andaluza, con sede fiscal en Córdoba, é unha vella coñecida da xustiza. Apareceu ligada a diversos casos de corrupción, entre eles, a peza aberta polo presunto arranxo na adxudicación da mina sevillana de Aznalcóllar, que ten levado aos tribunais varios membros do Goberno andaluz de Susana Díaz. O xulgado número 3 de Sevilla demanda por estes feitos 17 anos de cárcere para os irmáns Mario e Isidro López Magdaleno, propietarios de Magtel.

Comentarios