Queiman facturas de Endesa nas Pontes en rexeitamento do novo convenio da compañía

facturas as pontes queima
photo_camera Un momento da queima (Foto: Europa Press)

Máis dun cento de traballadores da empresa Endesa, tanto de persoal activo como pasivo, concentráronse no mediodía desta quinta feira, 24 de novembro, perante o Concello das Pontes de García Rodríguez, para mostrar o seu rexeitamento á aplicación do V Convenio colectivo da compañía no tocante a beneficios sociais, como a tarifa eléctrica, onde, ademais, realizaron unha queima simbólica das súas facturas.

Dita mobilización estivo convocada polos sindicatos CIG, CC.OO. e Sindicato Independente de Enerxía (SIE) e a Asociación de Prexubilados de Endesa nas Pontes (APREN).

Segundo asegurou o responsábel de Enerxía de CIG, Fernando Blanco Parga, esta concentración "responde a unha agresión do novo convenio colectivo asinado en exclusiva por UXT, sen consultar os traballadores para a súa opinión" e no cal, denunciou os operarios de Endesa "perden os beneficios sociais".

Así, detallou que este marco regulador significou "a perda do 100% das axudas para estudos e outros foron claramente minorizados como a tarifa eléctrica", o que lle levou a trasladar que este convenio "significa unha importante perda de poder adquisitivo para os traballadores e pasivos, ademais dunha perda económica para a vila das Pontes e os concellos da contorna".

Blanco Parga manifestou que "a propia empresa recoñeceu que gañara 515 millóns de euros dos dereitos dos traballadores e que se levou para Italia, para Enel". Por iso, engadiu, os traballadores van continuar " dando a batalla, tanto no campo xurídico, con algunhas sentenzas favorables, como no campo social, con máis mobilizacións".

Comentarios