A pugna pola eólica mariña na Galiza podería rematar xudicializada neste 2026
Este 2026 promete ser un ano movido a conta do desenvolvemento da eólica mariña que está a tramitar o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (Miteco). A Asociación Empresarial Eólica (AEE) advertía desde Madrid o pasado mes de decembro da necesidade de que o Miteco aprobe este ano a orde ministerial pendente para lanzar a primeira “poxa piloto” de eólica mariña no Estado español. O director xeral da AEE, Juan Virgilio Márquez, instaba o Goberno español a dar pasos neste senso “porque o problema da parálise é a mensaxe que se lanza e levamos agardando sen avances desde setembro de 2024”. Para o outro sector afectado, o pesqueiro e de defensa ambiental, estanse a exercer “presións empresariais” sobre o Miteco para que este dea luz verde á poxa, algo que, de acontecer neste 2026, “sería un despropósito”, asegura a Nós Diario o voceiro da Plataforma en Defensa da Pesca e os Ecosistemas Mariños, Torcuato Teixeira.
Os argumentos da patronal en favor do desenvolvemento normativo da eólica mariña neste ano 2026 pasan polo incremento do 11% do investimento empresarial en I+D para o desenvolvemento destes parques mariños, a chamada eólica offshore. A primeira poxa piloto permitiría que en 2033 entrasen "en funcionamento os primeiros parques eólicos mariños", destacou Márquez, do contrario advertiu que, máis aló, “nun prazo de 8, 9 ou 10 anos, será moi difícil ser competitivo de cara ao futuro”.
No sector pesqueiro, a Plataforma en Defensa da Pesca e os Ecosistemas Mariños vén de pedir ao Miteco “unha moratoria” á implantación da eólica mariña. Lembra Torcuato Teixeira en conversa con Nós Diario que "están pendentes dúas medidas fundamentais como son a ER2 –impacto no sector pesqueiro– e a medida E3 –impactos nos ecosistemas mariños–". Por isto, consideran que “non tería sentido” que o Miteco saltase estas análises e puxera en marcha a eólica mariña en 2026. “Sería ceder por parte dun Ministerio a presións de multinacionais enerxéticas e as súas influencias”, explica.
Teixeira lembra que o proceso de revisión dos Plans de Ordenación do Espazo Marítimo (POEM) “non remata até decembro de 2027”, polo que unha decisión do Miteco para pór en marcha antes a primeira poxa da eólica mariña “podería rematar nun conflito xurídico porque o sector vai intentar defenderse se o Estado español non aplica o principio de precaución”. A Plataforma en Defensa da Pesca e os Ecosistemas Mariños –que fai parte na tramitación diante do Miteco– presentou o pasado mes de decembro alegacións na revisión dos POEM en marcha. "Aínda non foron contestadas e agardamos unha resposta fundamentada do Miteco", do contrario, advirte Teixeira, “sería que fan caso ás presións. A ver como xustifican avanzar no proceso”.
A costa galega, no punto de mira
A carreira pola eólica mariña no Estado español ten Galiza e a súa costa no punto de mira dos proxectos de multinacionais e consorcios de empresas enerxéticas de todo o mundo. Multinacionais chinesas, irlandesas e potentes empresas do Estado español, radicadas en Madrid, teñen posto enriba da mesa do Ministerio de Sara Aagesen máis de 20 proxectos para a produción de máis de 10 xigawats nas nosas costas. Segundo os últimos datos dos proxectos presentados, na Galiza radicarían máis de 30% dos de todo o Estado español.
Aliás, no mapa do desenvolvemento da eólica mariña aparecen como Zonas de Alto Potencial (ZAP) oito polígonos, dos que catro corresponderían a Galiza, cun total de 2.114 quilómetros cadrados, o 43% do total previsto no Estado español. O parque máis grande podería instalarse fronte á costa de Ferrol e Ortegal e ocuparía 1.806 quilómetros cadrados.
Pero a normativa estatal ao respecto está a ser revisada e o sector pesqueiro busca defenderse. A Plataforma en Defensa da Pesca e os Ecosistemas Mariños presentou tamén alegacións á creación da figura de Zonas de Uso Prioritario (ZUP) para a pesca, que excluirían a instalación de eólica mariña facendo prevalecer a importancia que o sector pesqueiro ten nesas áreas. “Zonas moi sensíbeis”, segundo explica Teixeira sobre as Rías Baixas, Ferrol-Ortegal e a costa da Mariña.
A Xunta da Galiza foi a primeira administración do Estado español en mover ficha arredor da eólica mariña. No ano 2022 o Goberno de Alfonso Rueda puxo en marcha a través dun convenio –Xunta, Autoridade Portuaria da Coruña e Rede Eléctrica– unha plataforma experimental que realiza ensaios a 10 quilómetros da costa fronte ao porto exterior de Punta Lagosteira, en Arteixo. A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lourenzá, tamén fai parte das presións ao Miteco, ao que insta a “desatascar a eólica mariña”. Mentres, o Miteco ten convocado para o vindeiro mes de febreiro en Valsaín (Segovia) un novo obradoiro con axentes interesados do segundo ciclo dos Plans de Ordenación do Espazo Marítimo (POEM).
Zonas identificadas no mapa polas empresas
Distintas empresas especializadas en eólica e enerxéticas teñen presentado e tramitado máis de 20 proxectos de eólica mariña no país. Todos suman máis de 10.000 MW de potencia. O Parque Nordés, por exemplo, pretende producir el só enerxía para cubrir o 13% do consumo eléctrico da Galiza e o 3% do consumo eléctrico do Estado español. Plenitude, BlueFloat Energy e Sener promoven a instalación deste megaparque a máis de 30 quilómetros da costa entre Cedeira (Ferrolterra) e Cariño (Ortegal). Na web do proxecto, os promotores defenden que na primeira fase de construción crearía na zona 6.000 empregos directos e estiman unha vida útil da instalación de 30 anos.
Costa da Morte, A Mariña e a ría de Vigo
As empresas interesadas en desenvolver proxectos de eólica mariña na Galiza levan desde 2021 tramitando os seus proxectos diante do Miteco. Nomes de parques como Breixo, O Boi, Ventus, Breogán, Celta I e Celta II, Galwind, San Brandán ou San Cibrao figuran nestes proxectos que centran as súas preferencias de localización na Costa Ártabra –Ortigueira, Cariño, Cedeira, Valdoviño, Narón, Ferrol, Mugardos e Ares–, a costa suroccidental galega –arredor das illas Cíes e a ría de Vigo–, e fronte ás costas da comarca da Mariña.

