O proxecto de Altri, o segundo con peor puntuación no Perte de descarbonización

Ulloa Viva ve "determinante" os criterios ambientais de exclusión para a "non concesión" doutras axudas no futuro.
Fábrica de Celbi-Altri en Figueira da Foz (Coimbra). (Foto: Miguel Leiva)
Fábrica de Celbi-Altri en Figueira da Foz (Coimbra). (Foto: Miguel Leiva)

O proxecto de Altri en Palas de Rei (A Ulloa) obtivo a segunda peor puntuación entre todos os presentados ao Perte (plan de recuperación, transformación e resiliencia) de Descarbonización Industrial, segundo figura na resolución feita pública polo Ministerio de Industria.

A fábrica de fibras téxtiles a base de celulosa logrou 24,39 puntos, só por riba dos 16,7 puntos para o proxecto de fabricación de envases de cartón en Fraga (Huesca) e lonxe dos máis de 40 puntos que obtiveron os cinco proxectos elixidos. Altri pedía 30 millóns destes fondos no marco dun investimento global de 1.092 millóns.

Os motivos de denegación que apunta o Ministerio son que a data de finalización da factoría "supera o prazo máximo indicado na orde", xa que tería que estar o 31 de marzo de 2026, pero tamén sinala o "consumo de combustíbeis fósiles en equipos da nova instalación". E é que a orde estabelece que a instalación "non poderá utilizar combustíbeis fósiles como fonte de enerxía nin como materia prima en ningún dos seus procesos, excepto para o arranque da instalación".

O outro argumento exposto polo Ministerio de Industria é que o proxecto de Altri non alcanza o limiar mínimo de sete puntos –queda en tres puntos– no que se refire a "emisións de gases de efecto invernadoiro evitadas con respecto ás mellores técnicas dispoñíbeis no sector e outras mellores ambientais".

10 días para presentar alegacións

Esta cuarta feira, Altri anunciou que recorrerá esta exclusión, á vez que garante que o proxecto "segue o seu curso" aínda que non reciba este apoio. Segundo a resolución de Industria, os solicitantes de axudas dispoñen dun prazo de 10 días hábiles para formular alegacións.

Greenfiber, filial da portuguesa Altri, defende que, con respecto á descarbonización, "a súa contribución radica no proceso de fabricación, que reducirá as emisións de CO2 nun 91% en comparación coa produción convencional de polpa e lyocell en plantas non integradas e repartidas polo mundo". "Pero, ademais, o feito de que a materia prima que se prevé utilizar no proceso é madeira producida en proximidade que ata o de agora se exportaba fóra de Galicia sen procesar, significa que os traxectos que realizarán os camións de madeira veranse considerablemente reducidos, emitindo, por conseguinte, unha cantidade inferior de CO2 á atmosfera", sostén.

Criterios de exclusión "cruciais"

A Plataforma Ulloa Viva considera "cruciais" os criterios de exclusión dos fondos do Perte "para a posíbel denegación doutras vías de financiamento europeas". A respecto diso, o colectivo apunta a importancia de que o proxecto fose desestimado "porque non cumpre coas esixencias de ser proxecto tractor respecto do consumo de combustíbeis fósiles".

"O proxecto de Altri foi rexeitado porque non cumpría requisitos básicos para poder ser subvencionábel –consumo de produtos fósiles e exceso de prazo de execución do proxecto– e porque, ademais, non chegaba ás esixencias mínimas do criterio ambiental respecto da emisión de gases de efecto invernadoiro", o cal Ulloa Viva ve "determinante" para a "non concesión de axudas" no futuro.

Sen axudas para Ence

Entre os cinco proxectos que non obteñen axuda deste Perte tamén se atopa o proxecto industrial de Ence dunha fábrica de biofibras nas Pontes (Eume), que queda con 32,6 puntos. A pasteira tamén pedía 30 millóns de subvención para un orzamento total de actuación de 156 millóns de euros.

Neste caso a denegación baséase en que a factoría de Ence non alcanza a puntuación mínima –queda con 4 puntos– de emisións de gases de efecto invernadoiro evitadas.

Comentarios