Propietarios de sobreiras son estafados con "facturas avultadas" ou sen importe

Veciñanza de Agolada, Vila de Cruces e Lalín denuncia o roubo da cortiza no Sobreiral do Arnego.
Cortiza extraída na Zona Especial de Conservación do Sobreiral do Arnego, na comarca do Deza. (Foto: María Monteiro)
photo_camera Cortiza extraída na Zona Especial de Conservación do Sobreiral do Arnego, na comarca do Deza. (Foto: María Monteiro)

As sobreiras da Rede Natura están a sufrir desde hai anos os efectos do saqueo de tres compradores de fóra da Galiza que nos meses do verán arrincan as cortizas para vendelas, na maioría dos casos sen permiso dos propietarios e das propietarias. Segundo denuncia a veciñanza a Nós Diario, estes “tratantes” da cortiza que recalan na Zona Especial de Conservación (ZEC) da Rede Natura do  Sobreiral do Arnego (Agolada, Lalín e Vila de Cruces, na comarca do Deza), ademais de roubar estafan e tentan timar os propietarios que conseguen cobrar a súa cortiza. 

En conversa con Nós Diario, propietarios de sobreiras no Val do Arnego afirman que cando reclaman o pagamento da cortiza das súas árbores “ao portugués, o toledano ou o estremeño”, a práctica de todos eles é a mesma: din unha cifra pola cortiza que extraeron, sacan un caderno cos datos (nome e apelidos, documento de identidade e dirección) dos propietarios, e pídenlles que asinen nunha factura na que curiosamente en todos os casos está en branco o espazo onde debe figurar o importe.

Algúns propietarios decátanse da estafa, noutros casos as facturas finais teñen unha cifra superior ao prezo que os compradores pagaron pola saca. Juan é de Val (Agolada) e vive en Santiago, nas súas terras ten 12 sobreiras, e experiencia desde neno nas “curiosidades” deste negocio da cortiza. Este verán decatouse de que un dos tratantes, ao que chaman 'o toledano', “marchoume coa cortiza de dez sobreiras, cacheino no último momento e non tivo máis remedio que dicirme que as pagaba”. A súa sorpresa foi cando sacou un caderno de facturación, “con datos completos de catro matrices por folla, localizou o meu nome e díxome que firmara”.

Juan foi dos que se deu conta de que non había importe na suposta factura, estaba en branco o espazo, así que lle exixiu que puxera a cifra acordada antes de asinar, “non lle gustou nada”. A Juan estrañoulle que en todas as matrices do caderno había datos pero non importes. “A xente non se fixa nese detalle, asinan a matriz coa cantidade en branco”, sostén.

A explicación chegou desde a súa propia familia, pois este mesmo verán, o cuñado de Juan asinou a factura sen fixarse no espazo do importe “e cando lle chegou deuse conta que puña máis de 100 euros dos que recibira”. Segundo explica Juan, “fan todos igual, algúns nin recibos nin facturas”.

Denuncia colectiva

Ademais do de Juan, hai moitos casos destas estafas na zona, propietarios e propietarias que cobran un importe e reciben unha factura “moito máis avultada”. Algúns deles xa iniciaron os trámites en Facenda para denunciar, e o caso de Antonio, da parroquia do Sexo (Agolada). “O de Toledo quitoume a cortiza sen permiso, chameino, asinei nun folio cos meus datos nun recibo de 400 euros e cando me chegou a factura o importe era de 1.001 euros”.

Antonio acudiu á súa xestoría para ver que podía facer “porque son 600 euros a declarar que eu non recibín”. Agora está pendente dunha cita en Facenda para denunciar a empresa 'do toledano' pola factura, pero non é o único caso, “cando menos coñezo outros tres veciños coa mesma factura de 1.001 euros”. Na xestoría dixéronlle ademais que xuntando varios afectados é mellor o caso para denuncialo no Xulgado. “Eu estou disposto a facer unha denuncia colectiva”, declara. Cando lle chegou a factura avultada, Antonio chamou o comprador paro explicarlle o erro “e colgoume o teléfono xa varias veces”.

O roubo

Propietarias e propietarios  das sobreiras do Arnego están obrigados a coidalas e teñen prohibida a súa corta, o único beneficio que poden sacar delas é a extracción da súa cortiza, que ten que darse en árbores de máis de 25 anos e só se pode facer en cada exemplar como mínimo cada nove anos.

O prezo da cortiza está a crecer até os 8,75 euros o quilo. Como sinalaron a este xornal a pasada semana, este ano están a quitarlle a cortiza ás súas sobreiras sen falar, negociar prezo nin pagar. Moitos descubriron este ano que ás súas árbores sacáronlles a cortiza sen permiso nin contraprestación.

Comentarios