Os procedementos concursais de empresas creceron 27% na Galiza no ano 2024

Máis en concreto, o ano pasado rexistráronse 398 concursos na Galiza, o que implica 22,8% máis que en 2023, mentres que os plans de reestruturación aumentaron 123%, alcanzando un total de 29.
Un local fechado. (Foto: Europa Press)
Un local fechado. (Foto: Europa Press)

Os procedementos concursais de empresas –aqueles que se inician cando unha compañía entra nunha situación de insolvencia e non pode facer fronte ás súas débedas– na Galiza aumentaron 27% no ano 2024 respecto ao ano anterior, alcanzando os 441, segundo os datos de Informa D&B, que contabilizou máis de 9.000 a nivel estatal. 

Así, o ano pasado rexistráronse 398 concursos na Galiza, 22,8% máis que en 2023, mentres que os plans de reestruturación creceron 123%, chegando a un total de 29. Ademais, os procedementos especiais foron 14, o que supón 55,6% máis que no exercicio anterior. Pola súa parte, as disolucións de empresas creceron 9%, alcanzando 1.570.

A nivel estatal, os procedementos concursais de empresas creceron 22%, cinco puntos porcentuais menos que na Galiza, e alcanzaron un total de 9.015. En concreto, 79% dos procedementos concursais iniciados durante o pasado ano no Estado español corresponderon a concursos, con 7.146, unha suba de 10%, moi por baixo da alza a nivel galego, de 22,8%. Pola súa parte, as disolucións de empresas creceron 1% –chegando ás 28.907– a nivel estatal, até oito puntos porcentuais menos do que o fixeron na Galiza.

Alta cualificación

Case 16% das e dos afiliados ao Réxime Especial de Traballadores Autónomos (RETA) na Galiza pertencen a sectores de alta cualificación como a educación, a sanidade e as actividades profesionais científicas e técnicas, o que representa máis de 31.900 persoas traballadoras por conta propia, segundo os datos ofrecidos esta cuarta feira pola Asociación Galega de Traballadores Autónomos e do Mar (Agtamar), integrada na Unión Profesional de Traballadores Autónomos (UPTA). 

"O xiro no modelo produtivo do traballo por conta propia comezou e será necesario pór moita atención para que este cambio non se transforme na vulneración dos dereitos de miles de autónomos economicamente dependentes e que non se xeneralice a proliferación de falsos autónomos", sinalaron ambas as organizacións.

Comentarios