A luz marca esta segunda feira o prezo máis baixo de decembro

O custo máis elevado dáse entre as 9 e as 10 horas, mentres o máis baixo será de 23 a 00 horas.
Segue a evolución do prezo da luz en 'Nós Diario' (Foto: Nós Diario).
photo_camera O tope ao gas reduce en 53% o prezo medio da luz. (Foto: Nós Diario)

O prezo medio da luz para as persoas clientas de tarifa regulada vinculadas ao mercado grosista baixará esta segunda feira 40,6% a respecto deste domingo, até os 130,24 euros por megawatt e hora (MWh), o que suporá o prezo máis baixo no que vai de mes de decembro.

Na poxa, o prezo medio da luz no mercado grosista, o denominado pool, sitúase para esta segunda feira en 114,51 euros/MWh. Así, o prezo máximo rexistrarase entre as 9 e as 10 horas, con 148,92 euros/MWh, mentres que o mínimo para a xornada, de 89,60 euros/MWh, darase entre as 23 e as 00 horas, segundo os datos provisionais do Operador do Mercado Ibérico de Enerxía (OMIE).

A este prezo do pool súmase a compensación ás gasistas que ten que ser abonada polos consumidores beneficiarios da medida, os consumidores da tarifa regulada (PVPC) ou os que, a pesar de estaren no mercado libre, teñen unha tarifa indexada, que será de 15,73 euros/MWh.

En ausencia do mecanismo da 'excepción ibérica' para limitar o prezo do gas para a xeración de electricidade, o prezo no Estado español sería de media de 276,13 euros/MWh, o que supón 145,89 euros/MWh máis que coa compensación para persoas clientas da tarifa regulada, que pagarán así 52,8% menos de media.

O 'mecanismo ibérico', que entrou en vigor o pasado 15 de xuño, limita o prezo do gas para a xeración eléctrica a unha media de 48,8 euros por MWh durante un período de doce meses, cubrindo así o próximo inverno, período no que os prezos da enerxía son máis caros.

En concreto, a 'excepción ibérica' fixa unha senda para o gas natural para xeración de electricidade desde un prezo de 40 euros/MWh nos seis meses iniciais —até o próximo 15 de decembro— e, posteriormente, un incremento mensual de cinco euros/MWh até a finalización da medida.

Comentarios