Preto de 370.000 galegos pendentes das deducións por declaracións conxuntas

O Goberno español sinala que encargará un informe a un grupo de persoas expertas sobre as medias fiscais máis adecuadas, cuxos resultados se coñecerán en febreiro de 2022. 
Desde o Ministerio de Facenda, con María Jesús Montero á fronte, sinalan que esta medida ten que ser analizada polas expertas (Foro: A. Pérez Meca / Europa Press).
photo_camera O Ministerio de Facenda, con María Jesús Montero á fronte, sinala que a medida ten que ser analizada. (Foto: A. Pérez Meca / Europa Press).

Segundo as previsións da Axencia Tributaria, este ano presentarán a súa declaración de maneira conxunta un total de 184.304 fogares, o que supón que preto de 370.000 galegos e galegas están pendentes do que decida finalmente o Goberno español sobre a supresión das bonificacións por esta forma de tributación. 

En xullo de 2020, a Autoridade Independente de Responsabilidade Fiscal (Airef) elaborou un estudo no que concluía que esta redución, na súa actual configuración, xeraba "un desincentivo" á participación laboral dos segundos perceptores de renda (principalmente mulleres de rendas baixas), o que acentúa os problemas de fenda de xénero da economía española, e esa análise é a que aparece recollida no Anexo IV do Plan de recuperación remitido polo Goberno español esta semana a Bruxelas.

Nese estudo, a Airef propuña "acelerar a súa paulatina desaparición mediante o estabelecemento dun réxime transitorio".

De levarse a cabo esta medida, algo máis de dous millóns de fogares en todo o Estado español (4,2 millóns de persoas) e 184.000 na Galiza (preto de 370.000) veríanse afectadas, o que elevaría a súa factura fiscal.

Impacto na Renda

Na actualidade, a redución por tributación conxunta do IRPF depende da modalidade de unidade familiar de que se trate.

No caso de declaracións conxuntas de unidades familiares integradas por ambos os cónxuxes non separados legalmente e, se os houbese, os fillos menores que convivan, así como os maiores de idade incapacitados xudicialmente suxeitos a patria potestade prorrogada ou rehabilitada, a base impoñíbel reduciríase en 3.400 euros anuais.

Nas declaracións conxuntas de unidades familiares monoparentais, é dicir, as formadas, nos casos de separación legal ou cando non exista vínculo matrimonial, polo pai ou a nai e todos os fillos menores ou maiores de idade incapacitados xudicialmente suxeitos a patria potestade prorrogada ou rehabilitada que convivan cun ou outra, a base impoñíbel reducirase en 2.150 euros anuais.

Neste suposto, non se aplicará esta redución cando a persoa contribuínte conviva co pai ou a nai dalgún dos fillos que forman parte da súa unidade familiar. E a redución que proceda das comentadas aplicarase, en primeiro lugar, á base impoñíbel xeral, sen que poida resultar negativa como consecuencia de tal minoración. O remanente, se o houber, minorará a base impoñíbel do aforro, que tampouco poderá resultar negativa.

Medida en estudo

Desde o Ministerio de Facenda sinalan que van estudar, co asesoramento das persoas expertas, a forma de evitar que esta redución fiscal acentúe a fenda de xénero no mercado laboral sen que, en ningún caso, esta posíbel reforma tributaria vaia supor un aumento da carga fiscal das familias.

O Goberno español aclara que de momento non contempla esta medida e que tampouco figura no capítulo dedicado ás reformas tributarias do Plan de recuperación, transformación e resiliencia remitido a Bruxelas.

Segundo explican desde Facenda, o que fará o Executivo estatal é avaliar as recomendacións da autoridade fiscal e analizar a eficacia e eficiencia dos incentivos fiscais vixentes. Para iso, sinalan, crearon un grupo de  persoas expertas que emitirá un informe en febreiro do ano 2022 e que será entón cando se exporán as medidas fiscais máis adecuadas para lograr un sistema tributario que corresponda ao século XXI.

Segundo os cálculos da Airef,  que incide no seu estudo en que o beneficio fiscal se reparte de maneira homoxénea e non altera a desigualdade, cifra o custo para as arcas públicas desta iniciativa, que afecta o 18% das persoas contribuíntes, en 2.293 millóns de euros.

Comentarios