Análise

O Pniec 2023-2030 tamén é para o verán

Quico da Silva é membro do Colectivo de Debate Enerxético Bidán.
Parque eólico da compañía enerxética presidida por Francisco Reynés (Foto: Naturgy).
photo_camera Parque eólico da compañía enerxética Naturgy (Foto: Naturgy).

Un Nobel de Economía afirma que "resulta tentador fixar grandes obxectivos climáticos como metas ríxidas que debemos alcanzar" e que "para fixar obxectivos climáticos debemos ter en conta o bo e o malo de cada opción e así buscar solucións máis equilibradas e eficientes". Pois ben, o borrador actual do Plan estatal integrado de enerxía e clima (Pniec) 2023-2020 concorda coa tentación climática, utilizada como escusa, mais non semella aplicar a parte analítica, cando menos no ámbito social.

O Pniec debe ser a planificación estratéxica estatal que integre a política de enerxía e clima; sendo así, o documento evidencia deficiencias básicas, como a ausencia do establecemento inicial da demanda de enerxía pretendida como obxectivo, non como resultado, ademais do estudo dos recursos e da súa dispoñibilidade, da revisión da planificación das infraestruturas de acceso e conexión, e dun tratamento máis rigoroso, claro e explícito das implicacións sociais.

Ademais dun 42% na mellora da eficiencia en enerxía primaria e dunha redución na dependencia enerxética ata o 51%, contempla un 9% máis de redución nas emisións, o 70% para os sectores regulados (comercio dereitos emisión) e o 43% para os sectores difusos, con esforzos adicionais superiores no residencial (38% respecto do de 2021), no agrogandeiro (26%), nos procesos industrias distintos da combustión (21%), e no sector do refino (633%), mediante eficiencia enerxética, electrificación renovable, biocombustibles e gases renovables.

O resultado da aplicación das medidas é unha achega do 48% das renovables sobre o consumo final da enerxía e do 81% na xeración eléctrica, onde incrementa a potencia aos 214 GW (121 GW actuais), cunha maior implantación de renovables, nomeadamente fotovoltaica con 76 GW (hoxe 22 GW), que inclúen 19 GW de autoconsumo (supón utilizar 1,8 veces as vivendas galegas, considerando todos os seus tellados óptimos). A eólica aumenta 59 GW, terrestre e mariña 3 GW, cando na actualidade temos uns 30 GW instalados e outros 50 GW en tramitación da autorización de construción, ou con acceso concedido/solicitado. Implicaría instalar unha media duns 12 GW renovables ao ano (máximo histórico de 6 GW), uns 356 MW eólicos mensuais ata 2030, cando no período 2015-2022 a eólica peninsular aumentou uns 70 MW ao mes. Nada di o documento sobre a zonificación de tal incremento, mais nos resultados da simulación para 2030 reflicte para a eólica terrestre peninsular 2.033 horas equivalentes de funcionamento, polo que Galiza, con 2.501 horas en 2022, tería moitas papeletas.

Hidróxeno

A mesma simulación sinala aumentos, a respecto de 2022, do 44% na xeración eléctrica peninsular e do 34% na demanda, duplicando a exportación a Francia (96%) e Portugal –máis potencia renovable para exportar?–, e unhas verteduras renovables equivalentes a 1,7 veces a renovable de 2022 en Galiza –consumo de proximidade ou de quilómetro cero?–, aínda cun aumento no almacenamento ata os 18,5 GW (6,4 GW actuais), sen diferenciar entre bombeo e baterías, ademais de 3,5 GW térmicos. O hidróxeno, cun obxectivo para 2030 de case que a metade dos proxectos actuais iniciados ou en análise, resérvase para uso industrial –actual e de nova demanda– e transporte –terrestre pesado e marítimo, xunto con outros combustibles renovables de orixe non biolóxico–. A capacidade renovable necesaria duns 17 GW debe ser nova, mentres que a auga precisa sería equivalente a tres veces a capacidade hídrica de Galiza.

Os axentes privados serán titulares do sol e do vento a perpetuidade

O investimento previsto é duns 294.000 M€, cun 10,5% de fondos europeos, condicionados ás reformas comprometidas polo Goberno central. Son na súa maioría para a implantación das renovables polos axentes privados, que serán titulares do sol e do vento a perpetuidade, con declaración de utilidade pública e expropiación forzosa dos terreos afectados.

A actualización do Pniec, coas súas 107 medidas recollidas nas máis de 600 páxinas asume os acordos europeos posteriores a 2020 (Fit for 55, REPowerEU, Green Deal Industrial Plan). Mais dende entón tamén mudou a aceptación social das renovables –e, segundo a patronal e o sindicalismo estatal, disque tamén a xurídica–, conflito cuxa importancia non recoñece o novo borrador, con 2-3 medidas que non concretan solucións, mais aló do placebo das comunidades enerxéticas. 

O Pniec, a exposición no verán, é quen de modificar e condicionar as nosas actividades diarias, dando lugar a gañadoras e perdedoras. A necesaria implicación da cidadanía no ámbito climático/enerxético demanda procesos públicos de explicación.
 

Comentarios