martes 24/11/20

Piden ao xuíz que autorice a venda de Vulcano a prazos até 31 de marzo

Un escrito no xulgado do Mercantil 3 en Vigo do administrador concursal no que solicita que autorice executar a venda das instalacións a Marina Meridional.
Instalacións de Vulcano (Europa Press)
Instalacións de Vulcano (Europa Press)

O administrador concursal do estaleiro vigués Vulcano presentou un escrito no xulgado do Mercantil 3 en Vigo no que solicita que autorice executar a venda das instalacións a Marina Meridional, a única empresa que fixo até agora unha oferta, e que permita que se entreguen pagos a prazos até 31 de marzo. 

A proposta contempla comprar as instalacións por 7,8 millóns de euros: 2,5 millóns mediante a subrogación do crédito hipotecario do Instituto de Crédito Oficial (ICO), 1,7 millóns mediante a subrogación do crédito do Fondo de Garantía Salarial (Fogasa), 3,5 millóns en cheques bancarios, mais os 70.000 euros xa depositados no xulgado.

Nese período, Marina Meridional depositaría, antes de cada prórroga mensual, diversas cantidades de diñeiro: 200.000 euros antes do 1 de novembro, 250.000 euros antes do 1 de decembro, 200.000 euros antes do 1 de xaneiro de 2021, 200.000 euros antes do 1 de febreiro, e 200.000 euros antes do día 1 de marzo. 

Alén diso, o administrador tamén propón que, se o xulgado autoriza esta iniciativa, Marina Meridional poida entrar ás instalacións do estaleiro a primeiros de decembro co fin de "preparar os traballos de posta en marcha das instalacións". 

Denuncias de boicot 

O secretario comarcal da CIG de Vigo, Alberto Gonçalves, denunciou os últimos movementos da Autoridade Portuaria e do Goberno español como un "boicot" á continuidade de Vulcano.

Sinalou que no primeiro caso "teñamos que seguir aturando as continuas agresións de López Veiga" e no segundo a posición do delegado do Goberno, Javier Losada, que vén de solicitarlle ao Xulgado o remate da concesión portuaria "que é tanto como pedir que as gradas de Vulcano non poidan volver traballar".

comentarios