O PIB da Galiza medrará 2,9% en 2023, entre as cifras máis baixas do Estado

O crecemento do país galego sitúase 0,9 puntos por baixo da media estatal.

Terraza dun estabelecemento hostaleiro en Compostela (Foto: Arxina).
photo_camera Terraza dun estabelecemento hostaleiro en Compostela (Foto: Arxina).

A Autoridade Independente de Responsabilidade Fiscal (AIReF) publicou esta cuarta feira a estimación do PIB das Comunidades para o primeiro trimestre, na que prevé que a Galiza medarará 2,9% en 2023, por baixo da media estatal (3,8%) e entre as Autonomías co menor incremento.

Mentres tanto, Baleares, Canarias, Madrid, Andalucía e Catalunya serán as cinco rexións que máis medren en taxas interanuais, por riba da media.

En concreto, o organismo económico outorga a Baleares o maior crecemento do PIB, seguida de Canarias, con incrementos de 5,9% e 5,7%, respectivamente. Seguindo estas taxas interanuais sitúanse posteriormente Madrid, cun 4,3%; Andalucía, cun 4% e Catalunya, cun 3,9%.

E por baixo da media estatal, a AIReF prevé que se sitúen Navarra e Murcia (3,7); Castela-A Mancha e Euskadi (3,5%); País Valencià (3,3%); Aragón (3%); Castela e León e a Galiza (2,9%); A Rioxa (2,7%); Estremadura (2,5%); Cantabria (2,3%) e Asturias (2,2%).

Variación intertrimestral

En taxas de variación intertrimestrais, tamén Baleares e Canarias destacan pola súa expansión, con crecementos do 0,9% e do 0,8%, respectivamente, ambas as por encima da media estatal (0,5%).

En contraposición, Murcia e o País Valencià rexistraron os menores incrementos, con taxas do 0,2% e 0,4%, respectivamente.

Estas estimacións da AIReF realízanse unha vez o INE publica o dato de avance trimestral do PIB do Estado español. Con todo, desde o organismo lembran que as previsións fanse nun contexto de elevada incerteza no ámbito territorial.

Comentarios